Cinco veciños de Vilanova de 19 a 24 anos, identificados pola queima encadeada de 20 contedores
Por Redacción
Cinco mozos veciños de Vilanova de Arousa de entre 19 e 24 anos acaban de ser identificados e teñen a condición de investigados por causar incendios nunha vintena de contedores na súa localidade.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil de Pontevedra, ademais dos considerables danos causados nos contedores, o lume tamén afectou ao tendido da subministración eléctrica e causou danos polo fume nas fachadas dalgunhas vivendas.
A contía dos danos causados aproxímase aos 8.000 euros, 5.300 euros polos contedores queimados e 2.500 euros polos danos no sistema de subministración eléctrica. Ademais, aínda están pendente de peritación os danos causados nas vivendas afectadas.
A súa identificación é resultado dunha investigación conxunta entre a Garda Civil e a Policía Local de Vilanova de Arousa que comezou o pasado 26 de maio, cando entre a unha e as tres da madrugada rexistráronse unha serie de incendios encadeados en contedores.
Os servizos de emerxencias de Protección Civil de Vilanova de Arousa e do parque Comarcal de bombeiros do Salnés tiveron que intervir para sufocar os incendios que de forma encadeada estaban a producirse nos contedores situados a pé de estrada no tramo comprendido entre as parroquias de San Miguel de Deiro e Celeiro que, nalgúns casos, chegaron a afectar os peches das leiras e vivendas próximas.
As investigacións realizadas polo equipo de investigación do posto da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa e a Policía Local de Vilanova, no marco da denominada operación 'Container', permitiron a identificación dos presuntos autores.
Os investigadores lograron reunir unha serie de probas indiciarias que permitiron identificar os vehículos que utilizaron as persoas implicadas na autoría dos incendios e a continuación notificóuselles a todos eles a condición de investigados como presuntos autores dun delito continuado de danos intencionados.
As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa, onde terán que comparecer os investigados cando sexan requiridos.