Xunta e veciños de Ons acordan manter o sistema de acceso controlado á illa
Por Redacción
A Xunta de Galicia e os representantes da Illa de Ons están de acordo en manter o sistema de acceso á illa que regula as entradas e saídas dos veciños a esta illa do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas polo seu bo funcionamento.
O encontro mantido este venres entre a secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Carmen Bouso, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, con representantes da corporación municipal e dos veciños da Illa de Ons serviu para abordar a posibilidade dunha simplificación do actual sistema habilitado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que se mostra aberto a seguir atendendo as propostas veciñais como a instalación dun desfibrilador, habilitar un servizo sanitario ou mellorar os accesos para as persoas con dificultades de mobilidade.
Nese sentido, do Campo lembrou que a Xunta de Galicia habilita distintos programa de axudas e incentivos que teñen por finalidade mellorar os equipamentos neste tipo de espazos. Así, convidou ao Concello e aos veciños para solicitar unha axuda das futuras convocatorias para mellorar o sistema de abastecemento e de iluminación ou outras accións que repercutan no beneficio dos veciños.
No transcurso da reunión os veciños tamén preguntaron polas concesións. A Xunta trasladoulles o compromiso de analizar a situación legal das vivendas e dos anexos, caso por caso, vivenda a vivenda; indicoulles que facer un pronunciamento sobre a concesión dos inmobles, non é un traballo sinxelo, senón que precisa dunha profunda revisión normativa.
Por último, a directora xeral agradeceu o apoio e colaboración do Concello e dos veciños coa conservación dos valores naturais desta illa, e avanzoulles que nos próximos meses faranse traballos de limpeza e roza da vexetación dos camiños e eliminación de especies invasoras, para facilitar a expansión da vexetación autóctona.