Denuncian que o billete de bus a Vigo vale o dobre desde Marín que desde Pontevedra
Por Redacción
O pleno de Marín debateu este xoves unha proposta do BNG que consistía en instar á Xunta a poñer en marcha a área de Transporte de Galicia para a bonificación do bono da liña de transporte entre Marín e Vigo. Unha proposta que finalmente foi rexeitada polos votos en contra do PP."Lamentamos que o goberno non apoie esta iniciativa que xurde das reclamacións que levan trasladado dende hai anos veciños de Marín que se desprazan a Vigo con asiduidade", sinalou a portavoz nacionalista, Lucia Santos.
Aseguran desde o Bloque que "a veciñanza de Marín ten que pagar máis do dobre ao mes que a veciñanza de Pontevedra por desprazarse a Vigo, 62,50 euros en Marín por 27,50 euros en Pontevedra, que ve esta diferenza como un agravio comparativo. E o goberno do PP de María Ramallo non vai facer nada", protesta.
Critica Santos que Marín non formase parte da primeira fase do Transporte Metropolitano desenvolvido pola Xunta e que tampouco estea presente nas novas liñas de conexión que recolle a nova Área de Transporte de Galicia "O goberno municipal do PP de María Ramallo amosa un nulo interese por solicitar á Xunta a creación dun convenio para a liña de Marín a Vigo", denuncia.
Doutra banda, si que resultou aprobada por unanimidade a proposta de PSOE de impulsar a oficina de rehabilitación de vivendas de Marín para poder xestionar o paquete de axudas que prepara o Goberno para mellorar o parque de vivendas. O Concello poñerase ao choio para "abordar un traballo de identificación das necesidades técnicas do noso parque de vivendas, identificar as zonas prioritarias de actuación, informar os propietarios das posibilidades de axudas das que dispoñen, etc. Queremos que cando todo se poña en marcha, Marín chegue cos deberes feitos e optimice ao máximo estas axudas", sostén Manuel Pazos.