O PP de Pontevedra pedirá no pleno que o Goberno de Sánchez rexeite os indultos aos independentistas cataláns
Por Redacción
Este domingo, a deputada autonómica Lupe Murillo e a concelleira Silvia Junco, do Partido Popular, solicitaban firmas nunha carpa instalada na praza da Peregrina.
Os populares realizan esta campaña contra a posibilidade de que o goberno de Pedro Sánchez outorgue un indulto aos que "romperon co xogo constitucional", segundo expresaba a concelleira Silvia Junco. A representante do PP anunciou que presentarán unha moción no próximo pleno da corporación municipal para que o Concello de Pontevedra esixa ao Goberno de España que respecte as decisións xudiciais e non conceda o indulto aos líderes independentistas cataláns condenados por sedición
Tamén Lupe Murillo sinalaba que o grupo popular presentará no Parlamento de Galicia unha iniciativa para mostrar o "respaldo absoluto á Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía, garantes do Estado de Dereito e da democracia".
Ademais, mostrarán o apoio nesta iniciativa parlamentaria aos tribunais de Xustiza e defenderán a independencia xudicial. Lupe Murillo sinala que o Goberno español non pode utilizar os indultos con fins partidistas beneficiando aos que "se reiteran na división de España xerando confrontación e inestabilidade".