O primeiro baile
Por Manu Otero & Cristina Saiz
O lecer nocturno está de volta. E con el regresa a festa, o baile, as copas, a diversión e os encontros con vellos coñecidos, pero tamén con persoas por coñecer. A do sábado foi unha saída neutralizada, o pistoletazo de verdade está preto.
O 1 de xullo se todo vai ben. Pero para abrir boca 45 privilexiados tiveron a oportunidade de gozar dun breve pero saboroso aperitivo en La Pomada e despexar dunha plumada o temor que voaba desde o estalido da pandemia: "volveremos saír como antes? Si".
Si porque a proba piloto, a falta de que os asistentes confirmen cunha segunda PCR que non se produciu ningún contaxio, foi todo un éxito tanto a nivel organizativo como polo comportamento dos clientes.
Non é fácil canalizar a euforia de 50 persoas que levaban un ano esperando ese momento, pero Dani Lorenzo e o seu equipo de oito traballadores fixérono á perfección. As omnipresentes máscaras impedían confirmar o sorriso que se adiviñaban nas miradas dos invitados, reunidos en pequenos grupos e sempre a metro e medio de seguridade dos demais. E se entre grolo e grolo alguén esquecía recolocarse o cubrebocas, un membro do staff sempre estaba atento para lembrarllo con amabilidade.
Un esforzo que serán os propietarios destes locais os que valoren se mereceu a pena porque as caixas, como a sala de baile, seguro que se quedaron medio baleiras. Ou medio cheas.
Pero a rendibilidade deste primeiro baile queda nun segundo plano pola emotividade da cita. Ás 21 horas abriuse a porta do lecer nocturno. Xornada calorosa, de praia e unha hora pouco habitual para meterse dentro dun pub. Por iso a chegada dos invitados acabou dilatándose máis do previsto.
A contagotas, na entrada da rúa Real ía arremolinándose a xente. Mentres o porteiro comprobaba os datos e medía a temperatura, na praza do Teucro os clientes das terrazas do Bruc ou A Tenda de Clara observaban cunha mestura de envexa e satisfacción o relanzamento da noite.
No interior reinaba o ambiente das grandes citas, o das celebracións. Lorenzo e os seus cansáronse de recibir felicitacións e mensaxes de apoio. E os clientes, que por fin volvían atoparse con vellos coñecidos nun pub, conversaban sobre as ganas que tiñan de que chegase este día.
E todo regado polas bebidas servidas nas barras, aínda que algúns temían que este servizo ía pasar á historia pola pandemia. Iso si, a xornada foi como unha sesión de masaxe para estes profesionais afeitos a lidar con decenas de clientes enchispados reclamando a súa atención para encherlle o vaso.
E namentres, as música volvía retumbar nas tres salgas deste local, o DJ volvía recibir peticións para poñer por enésima vez a canción de moda, a soada gaiola da Pomada volvía brillar cos flashes dos móbiles e os pontevedreses, que celebraron con aplausos o aceso de luces que marcaba o final da cita, xa saben que este só foi o primeiro baile.
Relacionadas:
-
Os locais de ocio nocturno poderán abrir ata as 3 da mañá e usar as pistas de baile
Por Oskar Viéitez |
-
Galicia reabre o lecer nocturno e permitirá o 100% do aforo nas terrazas de hostalería
Por Alejandro Espiño |
-
O conselleiro de Sanidade ve con optimismo a reapertura do ocio nocturno o vindeiro 1 de xullo
Por Redacción |
-
Comeza a reactivación do ocio nocturno
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Todo listo na Pomada para o reinicio do lecer nocturno este sábado
Por Manu Otero |