Cuntis volve quedar sen pediatra e pide celeridade ao Sergas para recuperar o servizo
Por Redacción
A poboación de Cuntis está a revivir unha situación xa coñecida nos últimos anos: non teñen servizo de pediatría no seu centro de saúde. Trátase dun problema que no ano 2018 chegou a desembocar na convocatoria de concentracións e protestas veciñais. Nesta ocasión, a facultativa que ultimamente atendía a consulta foi trasladada tras o último concurso do Sergas e a praza quedou sen cubrir.
O alcalde, Manuel Campos, mantivo este luns unha reunión co xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Xosé Ramón Gómez, para tratar a situación desta falta de pediatra, que viven desde hai dúas semanas.
Despois da reunión, Campos manifestou que se trata dunha cuestión que se debe resolver "coa maior prontitude" e que lle trasladou ao xerente a necesidade de que se repoña o servizo con celeridade, pois trátase dun "servizo fundamental para os nosos veciños e veciñas".
"Non queremos que se volvan repetir situacións que xa vivimos en anos anteriores nas que estivemos por longos períodos sen pediatra", sinalou o alcalde, en alusión a que en 2018 chegaron a estar dous meses sen o servizo.
Manuel Campos solicitoulle ao responsable da área sanitaria que se dea "absoluta prioridade" á reposición deste servizo e, segundo informou o Concello, Xosé Ramón Gómez trasladoulle que xa está traballando para repoñer o servizo o máis axiña posible, atendendo aos recursos dispoñibles actualmente despois de facer efectivos os traslados.
Polo momento, a atención pediátrica para Cuntis e Moraña estase a centralizar no centro de saúde de Caldas de Reis.
O alcalde de Cuntis agradeceu a cordialidade e a boa disposición de Xosé Ramón Gómez no encontro e mostrouse esperanzado de que a reposición do pediatra se produza canto antes. Engadiu que "en Cuntis xa sabemos o que é estar sen consulta de pediatría e non podemos permitir que isto volva suceder, polo que desde o Goberno municipal imos estar moi enriba deste asunto e esperamos que a situación sexa puntual e teñamos pediatra de novo canto antes".
Relacionadas:
-
A ausencia do servizo de pediatría en Cuntis e Moraña chega ao Parlamento galego
Por Redacción |
-
A xerencia da área Sanitaria defende que se manterá a atención pediátrica en Cuntis e Moraña
Por Redacción |
-
Cuntis e Moraña volverán ter pediatra cando o Sergas o atope
Por Redacción |
-
Convocan unha concentración para reclamar a reposición do servizo de pediatría en Moraña
Por Redacción |
-
O Sergas sae ao paso das queixas na Atención Primaria de Caldas e Cuntis
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Cuntis pide explicacións ao CHOP pola pérdida do servizo de pediatría por vacacións
Por Redacción |
-
Os socialistas esixen que se restableza o servizo pediátrico suprimido en Carballedo e en Cerdedo
Por Oskar Viéitez |
-
Satisfacción en Cuntis e Moraña pola recuperación do servizo de Pediatría
Por Oskar Viéitez |
-
Unha manifestación reclama en Cuntis o servizo de Pediatría
Por Oskar Viéitez |