Da horta á mesa para aprender a facer a súa propia pizza saudable
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
O colexio Campolongo converteuse esta semana nunha auténtica cociña profesional da man de destacados cociñeiros de Pontevedra e doutros municipios próximos. Polos seus fogóns pasaron xa Francesco Iannelli, do restaurante Il Piccolo; Carlos Barreira de Bocarte; e Giuseppe Verniero, de Mare e Monti e La Bella Napoli 1970; e espérase nos próximos días a dúas estrela Michelín: Pepe Solla, de Casa Solla, e Iñaki Bretal, de Eirado da Leña.
Da man destes grandes profesionais, o alumnado está a aprender a preparar distintos pratos e, sobre todo, coñece alternativas de cociña saudable e pon o colofón a varios meses de traballo nos que toda a comunidade escolar implicouse en cultivar unha horta.
"Queremos aprovechar para que vean que se hacen cosas ricas con algo que no lo parece, como las hortalizas", explica Antonio Rodríguez, da asociación de nais e pais do colexio, que impulsa a actividade.
Os cociñeiros apuntáronse de forma altruísta a esta iniciativa e desde este luns comparten algúns dos seus segredos co alumnado, pechando o círculo do traballo na horta que comezou xa en xaneiro. Trátase dunha 'horta viaxeira' coa que, por clases, os escolares e as súas familias encargáronse de cultivar unha parcela da horta urbana do río Gafos.
O terreo dividiuse en seis e cada clase conta cunha mochila equipada con ferramentas para cultivar a horta e un bloc de notas. Cada mércores, un neno levou á casa a mochila e acudiu a diario coa súa familia para cultivar a horta, ata que o luns devolveuna e, tras dous días de desinfección, retomouse cun novo alumno.
Unha vez que se logrou que o alumnado cultivase as súas propias verduras e hortalizas, tocaba o momento de cociñalas e aí entra a colaboración dos destacados cociñeiros, que visitan o colexio unha xornada e móstranlles como cociñar eses produtos de horta que eles mesmos viron crecer.
A 'Horta chef', como se bautizou esta segunda parte da actividade, convidou este martes ao chef de Nápoles asentado en Pontevedra Giuseppe Verniero -estaba anunciado Yayo Daporta, pero non puido acudir- e, con el, o alumnado de primeiro curso de primaria aprendeu a elaborar unha pizza e puido comprobar en primeira persoa que, en contra da convicción xeneralizada, "la pasta y la pizza son muy saludables".
Giuseppe Verniero compartiu co alumnado os segredos da pizza napolitana. O primeiro, "la base de la masa es la sencillez: agua, harina y levadura. Si haces algo más, algo no funciona". Unha alumna apuntoulle que tamén farán falta unha pota e unha batedora, e, bromas aparte, o chef axudoulles paso a paso a elaborar a súa propia pizza, que logo cada un levou a casa para terminar de cocela e poder cear algo cociñado polas súas propias mans.
"Hoy vinimos con la idea de interactuar con los niños, con la pizza, con la verdura y la temporada de la huerta, que los niños monten la pizza solos", explicou Giuseppe. A masa xa chegou ao colexio pre cocida porque, en caso contrario, non lles daría tempo a elaborar o prato no tempo de duración da clase, pero, a partir de aí, os escolares puideron ver como se prepara o tomate natural, como se corta a berenxena ou o pemento e como se lle dá o toque napolitano cunha aceiteira orixinal traída polos chef desde a súa cidade de orixe.
Esta noite, os escolares tan só terán que chegar a casa, prequentar o forno e cocer a súa propia pizza 5 minutos a 200 graos. Pero, ademais da cea, leváronse coñecementos que Giuseppe confía que axuden a sentar as bases dunha alimentación saudable e a coñecer máis en profundidade a gastronomía e a cultura italiana.
"Muchas veces, por errores culturales, la gastronomía italiana no es vista por lo que es, es importante que desde pequeños le hagamos entender que una pizza y una pasta tienen que ser saludables, no solo todo con nata y bacon", insiste o cociñeiro.
Relacionadas:
-
Un 'horta chef' para que o alumnado de Campolongo coma saudable e "colla o gusto pola cociña"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Importantes chefs galegos darán clases maxistrais ao alumnado do colexio de Campolongo
Por Redacción |
-
Habilitan hortas escolares en dez centros educativos de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Consellería analiza a volta ás aulas no colexio de Campolongo e na escola infantil Crespo Rivas
Por Oskar Viéitez |