A Brilat, recoñecida coa gravata da Orde de Isabel a Católica polo seu papel durante a pandemia
Por Redacción
O traballo da Brigada Galicia VII, Brilat, desde o inicio da pandemia da covid-19 acáballe de reportar un novo recoñecemento. Este martes o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, impúxolle á brigada a gravata da Orde de Isabel a Católica.
O Goberno recoñece, desta forma, os servizos prestados pola Brigada á sociedade galega e os "méritos acumulados" durante as operacións Balmis e Baluarte postas en marcha polo Ministerio de Defensa.
Esta concesión foi proposta desde a Delegación do Goberno en Galicia, polo anterior delegado, Javier Losada, ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, que é o organismo que ostenta actualmente esta prerrogativa, e foi oficial este martes nun acto celebrado na base General Morillo.
Miñones, que estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, dirixiuse a todos os membros da Brigada e ao seu xeneral, Luís Cortés, e fixo un repaso polos méritos acumulados pola Brilat no último ano no que denominou "a guerra máis dura que libramos nas últimas décadas".
Así, destacou o seu papel na operación Balmis que nos primeiros meses da pandemia centrouse na protección sanitaria da poboación e a vixilancia do cumprimento da normativa vinculada á pandemia. Nos máis de 100 días que durou a operación, os integrantes da Brigada Galicia despregáronse nun centenar poboacións para apoiar ás autoridades locais, colaboraron no control de fronteiras e executaron máis de 200 desinfeccións de residencias de maiores, centros de saúde e outras instalacións estratéxicas.
Tamén destacou o seu papel na operación Baluarte, deseñada co fin de evitar a propagación do virus. Durante estes meses, os membros da Briltat axudaron ás autoridades sanitarias a realizar o seguimento dos casos de covid-19 e dos contactos estreitos a través dun equipo de rastrexadores.
En total, realizaron máis de 1,5 millóns de chamadas telefónicas a galegos e galegas enfermas ou confinadas por ser contactos, unha media de 100 chamadas por rastrexador e día. Chegaron a facer ata 13.000 chamadas nun só día durante o pico da terceira onda, a finais de decembro.
Miñones tamén tivo moi presente a operación Centinela Gallego, que cada ano leva a cabo a Brilat nos montes galegos contra os incendios forestais e que o pasado ano, en plena pandemia, ocupou 1.500 patrullas de vixilancia e prevención ao longo de máis de 220.000 quilómetros percorridos.