A depuradora de Vilaboa implantará un sistema de tratamento biolóxico das augas
Por Redacción
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación este martes das obras para implantar tratamento biolóxico na depuradora de Vilaboa, que suporán un investimento autonómico de 720.000 euros
As empresas teñen ata o 15 de xullo para presentar ofertas e o obxectivo é iniciar a obra no primeiro trimestre do 2022.
Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou as instalacións de tratamento de augas residuais deste municipio pontevedrés, onde presentou a actuación.
A conselleira salientou que a dotación do tratamento secundario na depuradora pretende cumprir os parámetros das directivas europeas en relación co tratamento da materia orgánica vertida.
A depuradora, que só conta con tratamento primario físico-químico, terá agora un tratamento secundario, biolóxico, que consigue unha maior eliminación de materia orgánica e do nitróxeno contido na auga residual.
Ademais, acometeranse outras intervencións, como control de olores, mediante unha axeitada desodorización ou cambios e actualización de equipos para adaptarse á normativa. Tamén se incorpora un sistema de monitorización enerxética, para ter un maior control do consumo eléctrico da planta; ou o cambio do panel sándwich da cuberta.
Ethel Vázquez lembrou que a depuradora de Vilaboa é unha instalación municipal, en cuxa xestión a Xunta leva destinados 2,2 millóns de euros, para apoiar ao municipio nas súas competencias de xestión da auga.
Enmarca a actuación no traballo polo saneamento da ría de Vigo, onde o goberno galego xa investiu 80 millóns de euros na depuradora de Lagares, e onde segue a avanzar coa redacción do proxecto da nova EDAR de Arcade.