Sanxenxo, sen socorristas na data anunciada por un erro na licitación do servizo

Por Redacción
Sanxenxo achégase á tempada alta de chegada de bañistas ás praias sen servizo de socorristas. A situación dérona a coñecer este martes os partidos da oposición, en concreto, BNG e PSOE, que denuncian que un erro no concurso público convocado polo Concello para adxudicar o servizo obrigou a paralizar o proceso e impide cumprir co inicio do servizo na data indicada, este martes 15 de xuño.
O concurso adxudicouse o pasado mes de maio á empresa Salvar Formar e Socorrer SL, pero a empresa que obtivo a segunda puntuación máis alta, Brocoli S.L., presentou un recurso tras detectar erros na documentación requirida polo consistorio.
Este recurso acabou dando a razón ao demandante e provocou a paralización do proceso. Polo tanto, interrompeu o servizo de socorrismo nas praias, que debería estrearse este martes 15 de xuño, pero non puido ser.
A líder do PSOE local, Ainhoa Fervenza, critica a "falta de rigor profesional" do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e acúsao de que veciños, veciñas e visitantes quedarán sen este servizo fundamental en pleno mes de xuño. "Neste concello non se fai unha ao dereito. O 15 de xuño teríamos que ter xa aos socorristas nos areais, e, con sorte, non os imos ter ata dentro dun tempo", critica.
O prego de condicións foi redactado por unha empresa externa, a asesoría de avogados Garrigues, pero Ainhoa Fervenza bótalle a culpa ao Concello, pois é tarefa da administración local supervisar a documentación final do concurso e resolvelo. "Coma sempre, todo o que Telmo toca tórcese. Está acostumado a facer as cousas ao seu xeito; pero o tempo dos caciques xa pasou e os novos ventos, por sorte, esixen unha pulcritude á que este home non está afeito", engade a socialista.
O BNG insiste en que se chega a esta situación despois dunha fin de semana que deixou unha estampa inédita no último ano coas praias cheas de bañistas e unha elevada ocupación hoteleira e cre que todo é consecuencia do "afán privatizador de Telmo Martín", que o levou a cometer un erro nos baremos das empresas que optaban a prestar o servizo de socorrismo en praias.
Así, a voceira municipal do BNG, Sandra Fernández Agraso, explica que a empresa adxudicataria xa tiña o persoal contratado para comezar a traballar este martes 15 de xuño, pero agora encóntrase con que, despois do citado recurso da empresa que quedou en segundo posto, ábrese un novo prazo para a presentación de documentación e revisión do expediente, co conseguinte atraso na apertura dos postos de socorrismo nas praias.
O BNG considera o acontecido "unha nova chapuza" que se traducirá nun gasto maior e nunha merma na calidade da atención aos usuarios das praias. Ademais, a líder dos nacionalistas afea a Telmo Martín que lle gusta presumir de liderar o ranking de bandeiras azuis pero esquece que manter eses distintivos obriga a un rigor no cumprimento dos requisitos.
Relacionadas:
-
Caneliñas, Bascuas, Pragueira e Foxos tamén contan con socorristas
Por Redacción |
-
O servizo de socorrismo de Sanxenxo abre este venres en 6 praias
Por Redacción |
-
Sanxenxo dá marcha atrás e contratará os socorristas das súas praias de forma directa
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
Comisións Obreiras culpa ao "afán privatizador" de Telmo Martín da ausencia de socorristas en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Oitenta persoas integrarán este verán o servizo de salvamento de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Os socialistas critican que o custe do servizo de socorrismo duplique a media dos últimos anos
Por Redacción |
-
A xestión do salvamento e socorrismo das praias de Sanxenxo irá a concurso público
Por Redacción |