O campus de Pontevedra recupera as cerimonias de graduación
Por Oskar Viéitez
As graduacións presenciais retornan neste 2021 ao campus pontevedrés.
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que despedirá por separado á novena promoción dos seus tres graos, abre o xoves este período de celebracións, que continuará a vindeira semana con Dirección e Xestión Pública, mentres que en xullo terá lugar a graduación da Escola de Enxeñaría Forestal. Tamén celebrará un acto presencial a Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade.
Con independencia de que poidan promoverse conmemoracións no futuro, a Facultade de Fisioterapia non celebrará acto de graduación neste curso, ao igual que fixo a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no referido aos graos de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual.
No caso de Belas Artes, tampouco está prevista ningunha celebración, á espera de posibles iniciativas que poidan proporse desde a delegación de estudantes.
Antes da covid-19, Ciencias da Educación e do Deporte acostumaba reunir nun mesmo acto aos novos titulados en Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Mais neste contexto, cada promoción festexará a súa graduación por separado no pavillón da facultade, "procurando garantir o cumprimento do plan de prevención para a covid-19 e, ao mesmo tempo, non perder emotividade", salienta o seu decano, Óscar García.
Con ese propósito, o pavillón acollerá ao longo da tarde deste xoves 17 tres actos consecutivos con preto de 60 asistentes en cada caso e un tempo reservado á limpeza entre cada un deles.
No caso da Facultade Ciencias Sociais e da Comunicación a ausencia de "espazos adecuados co aforo preciso", explica a súa decana, Emma Torres, fan que neste remate de curso só vaia levarse a cabo, o venres 25, a graduación de Dirección e Xestión Pública, na que se despedirá a 14 integrantes da súa décimo segunda promoción, xunto con outros oito egresados que remataron a titulación o pasado curso.
Un día antes, o xoves 24, 49 novos titulados da Escola de Enfermaría celebrarán a súa graduación no salón de actos do Centro Príncipe Felipe.
O venres 16 de xullo é a data escollida para despedir á oitava promoción de 30 graduados en Enxeñaría Forestal, nun acto que se levará a cabo no exterior da escola. Non poderán estar acompañados polos seus familiares, motivo polo que se prevé a posibilidade de retransmitir a graduación a través de internet, informou o director da escola, Juan Picos.