O día en que a electricidade acada o terceiro prezo máis alto da historia, o centro de Pontevedra érguese sen luz
Por Redacción
Este mércores, segundo o Operador do Mercado Eléctrico (Omie), o prezo da electricidade ascende aos 94,63 euros por megawatt-hora, o terceiro prezo diario máis caro na historia. Facua-Consumidores en Acción alerta, segundo a análise realizada sobre a evolución da tarifa semirregulada sobre os prezos aplicados do 1 ao 15 deste mes de xuño, o recibo do usuario medio en España sufriría unha subida interanual de 27,53 euros e situaríase en 88,11 euros, con impostos incluídos. Sería, segundo Facua, a segunda factura máis cara de toda a historia, superada só pola do primeiro trimestre de 2012 que alcanzou os 88,66 euros.
A pesar destas circunstancias, continúan producíndose problemas na subministración eléctrica na cidade de Pontevedra. A empresa Naturgy notificaba na mañá deste mércores unha incidencia na rede debido a unha avaría que provocaba un apagamento eléctrico en zonas do centro da cidade.
A avaría producíase no cableado subterráneo e durante case dúas horas afectaba a rúas da contorna do barrio de Campolongo e tamén a rúas como Sagasta, García Camba ou Peregrina.
Segundo Naturgy, ao redor de 340 clientes víronse afectados nunha primeira estimación, que posiblemente se viron incrementados xa que a falta de subministración non se producía de forma homoxénea, provocando que a ausencia de electricidade oscilase entre poucos minutos e máis de media hora, segundo a zona. Ao redor das 10.45 horas, o problema quedaba resolvido, segundo a compañía eléctrica.
Relacionadas:
-
As subidas do prezo da luz incrementan os usuarios dos autoservizos de lavandería
Por Marisa Ciordia |
-
O BNG presenta en Pontevedra a súa campaña contra a subida do prezo da luz
Por Manu Otero |
-
O PP presenta mocións na Deputación e nos concellos para esixir a baixada do prezo da luz
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Cinco horas sen luz por unha combustión nunha arqueta eléctrica
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Ponte Sampaio, ás escuras pola caída de árbores sobre o tendido eléctrico
Por Redacción |
-
O Concello pedirá ao conselleiro de Industria que tome medidas contra Naturgy polos continuos cortes de luz
Por Anxo Lourido |