O consumo de alcol e drogas ao volante repunta co termo das restricións
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O consumo de alcohol e drogas ao volante repuntou na provincia de Pontevedra coincidindo co remate das restricións máis duras derivadas da pandemia da covid-19 e Tráfico detecta unha taxa de positividade nos controis realizados sobre estas substancias superior á media nacional.
A última campaña de control de alcohol e drogas entre condutores realizada a nivel estatal o pasado mes de decembro permitiu detectar que, despois de 100.000 probas, o 0,95 dos condutores deron positivo en alcohol e o 38,78 en consumo de drogas.
A nivel provincial, estas estatísticas aumentan. Así, durante os cinco primeiros meses do ano realizáronse 83.644 probas de acohol e a porcentaxe de positivos foi do 1,6%, o 1,92% durante as fins de semana -o 46,86% dos controis realízanse en fins de semana-. No que vai de 2021 en Pontevedra, 1.186 condutores foron sancionados pola vía administrativa e 154 acabaron no xulgado como autores dun delito contra a seguridade viaria.
No caso das drogas, nese mesmo período realizáronse 2.360 probas e o 54% deron positivo; en total, 1.283 condutores foron sancionados e tres foron postos a disposición xudicial.
Este "repunte por enriba dos niveis nacionais", para a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, é "moi preocupante", por iso é polo que este mércores, coincidindo co inicio da nova campaña de especial vixilancia do consumo de alcohol e drogas ao volante que se realiza a nivel estatal, fixo un chamamento á responsabilidade dos condutores. Así, manifestou ser consciente de que "todos desexamos retomar a actividade porque foi un ano moi duro en xeral", pero é necesario "ser moi conscientes de que a nosa vida, a dos nosos acompañantes e a das persoas que circulan polas nosas estradas é o máis valioso que temos".
Ademais, considera especialmente "importante" o dato sobre a taxa de positividade por drogas nestes cinco primeiros meses do ano, que "está a ser moi alta", incrementándose case en dez puntos porcentuais con respecto ao 2020. Durante os doce meses do ano pasado, a pesar das restricións de mobilidade durante gran parte do ano, a taxa de positividade en drogas foi do 41,63% e en 2019, do 40,72%, con máis de 1.600 condutores denunciados. Este ano é moi superior.
A subdelegada tamén quixo ter presente este mércores a "terrible cifra" de sinistralidade na provincia neste mes de xuño, con seis falecidos nas estradas. A subdelegada subliñou que dos 16 falecidos en vías interurbanas no que vai de ano, 6 deles producíronse este mes, e engadiu que "por iso é necesario que agora que estamos a recuperar a mobilidade sexamos moi cautos na nosa condución e non engadamos riscos innecesarios como o alcohol ou as drogas. A única taxa valida ao volante é a de 0,0”.
Larriba fixo estas declaracións este mércores despois de comprobar como traballan os axentes da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra nun control móbil organizado na estrada N-550 en Cerponzóns, no término municipal de Pontevedra. O control inaugura a campaña especial da Dirección Xeral de Tráfico e tamén contou coa presenza da xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico, Paula Yubero, e do capitán da agrupación de Tráfico da Garda Civil, Antonio Pérez Piteira.
O capitán Piteira atribúe este repunte a que aumenta a mobilidade e a certa relaxación no comportamento dos condutores despois de moito tempo sen saír durante a fin de semana e con restricións horarias e avisa de que durante todo o tempo que dure esta campaña farán controis continúas e, en xeral, insistirán nos controis durante as fins de semana e en lugares e momentos que sabe que se dan comportamentos máis perigosos como despois das comidas e festas ou, por exemplo, durante a próxima fin de semana, coincidindo co Rallye de Pontevedra. O obxectivo é que "o condutor non pode estar seguro en ningún momento de que alí non vai estar (a Garda Civil)".
O responsable de Tráfico tamén recoñeceu que aumentou a porcentaxe de condutores que dan unha porcentaxe de alcohol en sangue tan elevada que pasa a ser delito contra a seguridade vial. Antes a media da taxa dos condutores que ían pola vía penal podía ser arredor do 0,80 miligramo de alcohol por litro de aire expirado e agora é superior a 1, "unha barbaridade".
Larriba quixo destacar que o 82 % dos test de alcohol realizados son preventivos, en controis como o realizado este mércores nas proximidades da discoteca La Luna, e só un 15 % son derivados dalgunha infracción ou accidente. Ademais, tirou de estatísticas e falou de datos de anos anteriores. En 2020, a taxa de positividade en alcohol foi do 1,76 % e en 2019, do 1,72 %, destacando nese ano que durante as fins de semana a porcentaxe subiu ao 2,1%.
En canto ao perfil do condutor infractor, Larriba destacou que nas probas positivas, tanto de alcohol como drogas, os homes teñen unha prevalencia superior ao 90 % e o capitán Piteira indicou que no caso das drogas a maior porcentaxe de infractores teñen entre 25 e 44 anos e, no caso do alcohol, máis de 40.
Relacionadas:
-
As "inasumibles" 25 vítimas mortais de tráfico en Pontevedra en 2021
Por Natalia Puga |
-
Tráfico redobra esta semana a vixilancia sobre camións e autobuses
Por Redacción |
-
Os mortos nas estradas, en niveis "inaceptables" a pesar do confinamento e os peches pola covid-19
Por Redacción |
-
Un mozo dá positivo en drogas cando conduce un coche con dous menores dentro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |