As Festas de San Xoán desenvolveranse na Seca, no Mosteiro, en Vilariño, no Pereiro e San Martiño
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, deu a coñecer este mércores os detalles da programación das Festas de San Xoán, que comezarán o vindeiro mércores 23 de xuño e se estenderán ata o domingo 27.
Durante ese tempo, a veciñanza poderá gozar dun gran número de actividades pensadas para toda a familia, entre as que destacan os concertos musicais de Lucía Pérez, Susana Seivana, Gustavo Almeida ou Nelson Quinteiro.
A explanada da Seca foi o lugar escollido polo rexedor e polo edil do BNG para, en compañía da edil de Cultura, Raquel Rodríguez, e de representantes dos diferentes colectivos que participan na programación, desvelar o contido dun programa "amplo, versátil e pensado para dinamizar a actividade en toda a parroquia de San Xoán tendo moi en conta a cultura do país".
Todas as citas se desenvolverán seguindo as pertinentes medidas de seguridade contra a covid-19, no que a hixiene, distanciamento e aforo se refire.
"A mellora da situación sanitaria permítenos apostar pola realización de concertos importantes, que terán lugar na Seca, e confiamos en que o vindeiro ano as festas recuperen a normalidade", sinalou Martínez, en referencia á necesidade de, ao igual co ano pasado, aprazar os eventos masivos, como a gran sardiñada, a verbena, o prendido da fogueira principal ou a lectura do pregón.
Pese a estas ausencias, o concelleiro de Festexos amosouse convencido de que esta programación "fará as delicias da veciñanza e dos primeiros visitantes que veñen a Poio neste inicio do verán".
De mércores a sábado, ás 10.00 horas, grupos locais serán os encargados de iniciar as celebracións con alboradas pola parroquia.
O día 23, o protagonismo será para a tradicional recollida de herbas de San Xoán, organizada pola Asociación Ronsel. Haberá dúas quendas (ás 17.30 e ás 19.30 horas), cun máximo de 25 participantes en cada saída, que partirá da escola do Sartal.
O xoves 24, día do patrón, haberá unha misa ás 12.00 horas e, posteriormente, a Banda de Música de Arcade ofrecerá un concerto no Mosteiro. Ás 20.00 horas, o grupo Take it easy actuará nas inmediacións da igrexa de San Martiño, mentres que Lucía Pérez protagonizará o primeiro dos grandes concertos na Seca, ás 22.00 horas.
O venres 25, nos mesmos horarios, será a misa na honra de Santa Trahamunda e un concerto a cargo da Banda de Música de Redondela. Rudi Dudi levará o seu espectáculo de humor á Praza de Vilariño e pechará a xornada Susana Seivane.
Xa na fin de semana, o sábado 26, logo da alborada da mañá, a mediodía terá lugar a misa por San Fructuoso e, ás 13.00 horas, a actuación na Alameda da Unión Musical do Cabral. A música cobrará máis protagonismo ca nunca ese día, xa que ás 20.00 horas, nas proximidades da igrexa do Pereiro, haberá unha actuación a cargo da Escola de Acordeóns de Campelo, como aperitivo ao concerto de Gustavo Almeida na Seca.
Nelson Quinteiro será o encargado de poñer o punto e final á programación, tamén na Seca, o domingo ás 21.00 horas.
Xosé Luís Martínez agradeceu a implicación dos colectivos locais á hora de formar parte desta programación e animaron á veciñanza a "gozar, adaptándonos ao contexto actual, dunhas festas que son un referente na comarca".
Relacionadas:
-
Nelson Quinteiro porá o broche de ouro musical ás Festas de San Xoán
Por Redacción |
-
Lucía Pérez abre este xoves os concertos de San Xoán
Por Redacción |
-
Poio chama a "extremar as precaucións" pola covid nas 130 fogueiras privadas previstas por San Xoán
Por Oskar Viéitez |
-
Dispáranse as solicitudes de particulares para facer fogueiras de San Xoán en Vilagarcía
Por Redacción |
-
"Qué pena", a nova canción de Gustavo Almeida para este verán
Por Redacción |
-
Poio recupera a Festa do Mar e a da Ameixa cun novo formato
Por Redacción |
-
O xurado do concurso de carteis de San Xoán 2021 elixe os debuxos gañadores
Por Redacción |
-
As festas de San Xoán recuperan os seus concertos
Por Redacción |