Catorce programas festivos para animar o verán en Pontevedra antes das Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño
Tras o arranque das Festas de Verán este mes de xuño, a programación festiva de Pontevedra collerá ritmo en xullo. Ata catorce programas lúdicos e culturais encherán de actividade as principais rúas e prazas da cidade antes das Festas da Peregrina.
A edil de Festas, Carme da Silva, explicou que a programación deseñada polos servizos municipais repartirase "por toda a cidade" e haberá actividades, entre outros escenarios, na Ferrería, A Pedreira, Monte Porreiro, o paseo do Gafos, A Parda ou na Praza da Curtidoira.
Por agora, o Concello optou por non desvelar os seus plans para agosto, pendentes da evolución das normas sanitarias. As Festas da Peregrina, a Feira Franca ou o festival Surfing the Lérez (que será en setembro) poderían beneficiarse do alivio de restricións.
Xullo comezará con dúas actividades culturais. Por unha banda, a Festa dos Libros que, tras a ausencia do ano pasado, regresa á programación entre os días 2 e 4 de xullo. As librerías de Pontevedra exhibirán as novidades editoriais na Praza da Ferrería.
O festival Ambienta, pola súa banda, tomará o relevo do ciclo FLOP Cinema. A Praza da Pedreira acollerá entre o 2 e o 4 de xullo a proxección de diversas películas con temática LGTBI.
Da Silva explicou que, a partir do ciclo de cine de este ano, Ambienta "nace para medrar" converténdose en edicións sucesivas nun auténtico festival de cinema sobre diversidade sexual e afectiva que se organizará ao aire libre "para que sexa moito máis visible".
Do 9 ao 11 de xullo será a quenda dunha nova edición do Memorial Ricardo Portela que, nesta ocasión, estará dedicado a Xoaquín Míguez "Xocas" e que incluirá, entre outras actividades, os concertos na Ferrería de Acordeireta e Ghaveta.
O ciclo musical Rock na Vila, que será tamén na Ferrería, ofrecerá os días 12 e 13 de xullo as actuacións das bandas Río Verdugo, The Soul Jacket, The Rebel Spirits e The Funkles.
Dous programas convivirán do 14 ao 19 de xullo. Un deles é unha novidade. Trátase de Vai de Monólogos, que levará á Praza da Curtidoira, a artistas da escena galega como Aldeolado, Isabel Risco, Cándido Pazó, Pablo Meixe e Artesacía.
Con voz de muller regresará á Praza da Ferrería neses mesmos días. Será, por unha banda, coas representacións teatrais As fillas bravas e o mito de Cassandra (Chévere) e Elisa e Marcela (A Panadaría) e cos concertos de Tanxugueiras, Amparanoia e Uxía.
O jazz estará presente tamén na programación de verán co ciclo Noitadas de Jazz que, entre os días 19 e 23 de xullo, levará ao escenario da Ferrería a Terela Grandín, Xan Campos Trío, Chemin Jazz Quartet, Current Location e Circus.
Outra das novidades será Ponteilusión, que levará espectáculos de maxia e ilusionismo á Praza da Ferrería do 24 ao 28 de xullo. Actuarán neste programa Dani Polo, Pedro Volta, Solange Kardinal e Arkadio, Mago Teto e Cayetano Lledó.
O paseo fluvial do Gafos será o escenario, pola súa banda, do ciclo Clásicas no Gafos os días 26, 27, 28 e 29 de xullo. Será con catro concertos de música clásica de Aida Saco, o dúo Germán Díaz e Benxamín Otero, unha actuación coral sobre a pegada feminista na historia da música e a banda formada por Pedro Lamas, Jacobo de Miguel e Xosé Lois Romero.
A continuación chegará Cabaré, Cabaré! que, ademais de espectáculos itinerantes pola cidade en horario matinal, ofrecerá entre o 29 de xullo e o 1 de agosto, as coloridas actuacións na Ferrería de Neil Swing Sexteto, Atemporal e Trad Cabaré.
Acústica na Parda, mentres tanto, ofrecerá do 30 de xullo ao 1 de agosto, concertos e actuacións de corte intimista a cargo da Rabela, Queco Lago, Jacobo Sainz, Palito, Corbi, Miríada, Nee Barros, Pitt Muffin e Joao Tomba.
Xa en agosto, a actividade multiplicarase durante os primeiros días do mes con ata tres ciclos diferentes, todos eles entre os días 2 e 6, antes de dar paso ás Festas da Peregrina.
O Bule Bule polas Prazas recupera o espírito de Itineranta e ofrecerá espectáculos de animación ao aire libre que correrán a cargo da Proupe Malabo, Sarao Producción, Pablo Méndez, La Fam, Rivel, Brincadeira, Scura Produccións, Troula, Bambolea e Barafunda.
Con Cine 5 Estrelas, haberá cinco proxeccións de películas ao aire libre e en horario nocturno na Praza da Pedreira. Exhibiranse os filmes, Eu Tonya, Tres anuncios nas aforas, O que arde, Parasitos e A noite do cazador.
O parque do Miradoiro de Monte Porreiro será o escenario, por último, de Urbana, o ciclo de música urbana de Pontevedra que, nesta ocasión contará coa actuación de Deus Ke Te Crew, Ladilla Rusa, Boyanka Kostova, A Rabela e Verto.
SAN BIEITO E SANTIAGUIÑO DO BURGO
As Festas de Verán incluirán ademais as tradicionais celebracións do San Bieito e do Santiaguiño do Burgo, aínda que segundo a edil de Festas, será cun formato similar ao ano pasado e sen celebracións multitudinarias porque "a día de hoxe" non están permitidas.
Relacionadas:
-
A buligar polas prazas co inicio do 'Bule, Bule'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
"Willkommen" ao cabaré da Ferrería
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
‘Acústica na Parda’ e o ‘Cine e Estrelas’, novas citas de lecer na cidade
Por Redacción |
-
A provocación do cabaré adéntrase a partir do xoves no centro histórico
Por Redacción |
-
A maxia de Dani Polo abre o ciclo 'Ponteilusión' na Praza da Ferrería
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O Paseo dos Gafos encherase de música clásica durante a vindeira semana
Por Redacción |
-
RADIO.- 'A playlist' de Queco Lago e as versións máis persoais de si mesmo
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia |
-
O ilusionismo desaparecerá e aparecerá durante cinco noites na Praza da Ferrería
Por Redacción |
-
Na Praza da Curtidoira a cousa 'Vai de monólogos'
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A 'Voz de muller' de Amparanoia pon o ritmo a un caloroso sábado na Ferrería
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A 'voz de muller' de Tanxugueiras, Amparanoia, Uxía, Chévere e A Panadaría resoará en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra presume do seu 'ADN literario' co regreso da Festa dos Libros
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
'Ambienta', cinema pola diversidade sexual, de xénero e familiar do 2 ao 7 de xullo na praza da Pedreira
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra presumirá do 'son da rúa' nunhas Festas de Verán que arrancarán xa en xuño
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |