As redes sociais poñen de moda as fregonas que a Asociación Xoán XXIII elabora para Froiz
Por Mónica Patxot & María José Pita
"Que está pasando ultimamente coas fregonas de Froiz?", pregúntanos Nuria Luque, a xerente da Asociación Xoán XXIII, cando lle comunicamos por teléfono o noso interese en acudir ao taller no que se elaboran as fregonas que se venden nos supermercados e hipermercados da firma pontevedresa.
Nos últimos días recibiron varias chamadas relacionadas co tema, para a súa sorpresa, xa que é un produto que levan producindo varias décadas. "Eu levo aquí 29 anos e cando entrei xa se facían as fregonas de Froiz", apunta Gerardo Carballal, o encargado deste taller.
Este repentino interese xorde dunha publicación compartida no popular grupo de Facebook "Tú no eres de Pontevedra si...", da que se fixeron eco numerosas persoas. Os comentarios repártense entre os que se manifestan fieis a este produto e os que descoñecían esta iniciativa, para engadir que adquirirán unha fregona deste modelo na súa próxima compra no supermercado Froiz.
Preguntamos se esta circunstancia transformouse nun aumento da demanda, e de momento non houbo un repunte nos pedidos. "Entre outras cousas porque coa covid tivemos que reducir o número de persoas que traballan ao mesmo tempo en cada taller, se normalmente eran 15, agora estamos só 8 e Froiz non nos pide máis fregonas porque sabe da nosa capacidade actual para producir", matízanos o encargado do taller.
A organización do traballo respecta todas as medidas sanitarias. De feito, á chegada ao centro que a Asociación Xoán XXIII ten en Pontevedra, na rúa Eduardo Blanco Amor, 66, tanto redactora como fotógrafa de PontevedraViva pasamos por un control de temperatura, firma dun documento autorizando o manexo dos nosos datos para calquera incidencia e as xa habituais limpezas de mans con xel hidroalcólico. Mesmo, no acceso ao taller de fregonas, neutralizamos os xermes que puidésemos portar no calzado nunha alfombra especial.
"Neste taller, como en todos os que temos, utilizamos o traballo como unha ferramenta terapéutica dentro do noso centro ocupacional de Pontevedra, neste caso, porque temos outro tamén en Cangas. E as persoas veñen aquí a realizar un traballo, o máis parecido a un traballo ordinario, e o que queremos é facer ver á sociedade que estas persoas poden facer un traballo igual que outras persoas ou outros cidadáns, neste caso coa confección íntegra das fregonas que, unha vez feitas, comercialízanse nos supermercados Froiz", explica Nuria Luque.
Esta idea compártea o fundador e presidente do Grupo Froiz, Magín Afredo Froiz, quen leva apoiando á Asociación Xoán XXIII case desde os seus inicios en 1968. Tal é o grao de implicación deste carismático empresario que actualmente é o presidente da Asociación.
A elaboración artesanal destas fregonas está concibida como un traballo, polo que os participantes nel reciben unha retribución económica.
"Nós somos unha entidade privada pero as nosas prazas son públicas e están contratadas coa Xunta de Galicia, co cal, os traballos que realizamos aquí se comercializan, e ás empresas se lles factura e nolo pagan, e como ese ingreso non o necesitamos para soster as nosas prazas reverte integramente nas persoas con discapacidade intelectual cobrando a final de mes unha gratificación, que nós queremos asimilar a un salario porque para eles é moi importante", apunta Luque.
A Asociación Xoán XXIII é unha organización dedicada á formación e promoción das persoas con discapacidade intelectual. Unha tarefa que recoñecen as empresas que, ademais de Froiz, confían no traballo dos que acoden ao centro, como o caso de "Celtic Estores, a conserveira Pérez Lafuente ou institucións como a Deputación ou o Concello de Pontevedra co taller de encadernación".
Máis aló dos talleres, desde Xoán XXIII promóvese a inclusión laboral, de modo que, "se no seu proxecto de vida está atopar un emprego, nós apoiámolos e traballamos para que así sexa", engade a xerente da Asociación.
FUNCIONAMENTO DO TALLER
Gerardo Carballal, o encargado do taller, alude á importancia de que as persoas que confeccionan as fregonas roten polas diferentes tarefas que demanda a confección artesá deste produto, "é un traballo en cadea pero sen caer na rutina".
Germán é unha das persoas con discapacidade intelectual que traballa no taller de fregonas. Hoxe agrupa de modo manual os flocos mediante gomas: "aquí xunto os fíos e despois os reparte un compañeiro, e se está ben o levan á máquina".
Nesta máquina atopámonos a Mario, que se encarga de fusionar os fíos co cabezal de plástico vermello. Tocoulle estar de pé pero afirma que lle dá igual porque "me gusta todo".
Pola súa banda, Amador, hoxe ocúpase da fase final: "tráenme a fregona e eu só teño que cortar a puntiña e despois pásase a esta máquina para selalas".
Quen fai de ligazón é Martín, que se encarga nesta xornada de recoller as diferentes pezas e distribuílas entre cada posto deste traballo en equipo: "aquí cos meus compañeiros e o meu monitor facemos o traballo xenial, preparamos todo ata que vén a recollelo o camión de Froiz".
Relacionadas:
-
A Xunta concede á Fundación Xoán XXIII un Programa Integrado de Emprego
Por Redacción |
-
O Pont-Up Store anuncia o seu regreso para os días 24 e 25 de setembro
Por Redacción |
-
As "caixas brancas" que promocionan Pontevedra xa están listas para Fitur
Por Redacción |
-
O centro de formación e inserción laboral da Fundación Juan XXIII estará rematado en setembro
Por Redacción |
-
A Fundación Juan XXIII recolle libros este martes no Hospital Provincial na súa campaña #SOSQUIOSCOS
Por Redacción |
-
Benestar Social firma un convenio para facilitar a inclusión laboral dos usuarios da Asociación Xoán XXIII
Por Redacción |