A Deputación e o consorcio de empresas turísticas de Sanxenxo inician unha senda de colaboración
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo este xoves unha reunión coa directiva do Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo (CETS) na que sentaron as bases dunha "relación sólida" a prol dun modelo turístico "de calidade, sostible, intelixente e xerador de riqueza", tal e como resumiu a máxima responsable da administración provincial.
Carmela Silva, que dixo sair "encantada" desta xuntanza "moi cordial", sinalou que ambas partes "coincidimos plenamente" na súa visión do modelo de traballo para este sector, e igualmente, o presidente do CETS, Alfonso Martínez, tamén expresou a súa "satisfacción" co resultado do encontro chegando a mostrar a súa convicción de que esta toma de contacto foi "o comezo dunha relación que vai ser moi frutífera para as dúas partes".
Segundo abundou a presidenta da Deputación de Pontevedra, "apostamos e coincidimos nun modelo que traballe por un turismo sostible, pola dixitalización e por presentar proxectos comúns aos fondos europeos", manifestou.
A mandataria provincial considera "prioritario" establecer unha relación de traballo entre as institucións públicas e privadas e avanzou que a Deputación e o Consorcio van comezar a traballar de maneira inmediata "sobre proxectos concretos, de eventos e turismo deportivo".
Ademáis, engadiu Silva, vaise establecer unha "relación directa" para que nas decisións vinculadas ao turismo e ás infraestruturas "consultemos ao sector privado, de maneira que as accións sexan acaídas coas necesidades que expoñan".
A presidenta avoga ao respecto por "facer ao sector turístico copartícipe das políticas públicas da Deputación para construír así pobos amables e sostibles".
70% DE RESERVAS NO VERÁN EN SANXENXO
As previsións de reservas do CETS para agosto sitúanse no 70%, e a propia presidenta sinalou que seguramente a porcentaxe "vai ser máis alta".
Pola súa banda, Alfonso Martínez engadiu que "somos moi optimistas e estamos convencidos de que vai ser un bo verán", remarcou.
Relacionadas:
-
Estiman unha ocupación hoteleira na provincia do 75% no mes de xullo e do 80% en agosto
Por Oskar Viéitez |
-
Instalan puntos de información turística no Porto Deportivo e en Baltar
Por Redacción |
-
Sanxenxo incrementa a súa capacidade de aloxamento con 97.612 prazas para visitantes
Por Redacción |
-
O sector turístico de Sanxenxo ten "boas perspectivas" para este verán polo importante número de reservas
Por Oskar Viéitez |