O campus e tres empresas xerontolóxicas promoven un "novo modelo de coidados, centrado nas persoas"
Por Oskar Viéitez
Ocampus de Pontevedra, da Universidade de Vigo, puxo en marcha a Cátedra ACP-Innova coa que colaboran as empresas de servizos xerontolóxicos Saraiva, Activiza e Envita para "avanzar cara un novo modelo de coidados, centrado nas persoas".
A través do desenvolvemento de investigacións e intervencións en centros de maiores e da formación e a innovación neste sector, esta iniciativa buscará contribuír a "mellorar o modelo" que levan a cabo os diferentes centros sociosanitarios, "para mellorar o estado físico e psíquico e a calidade de vida desta poboación", salientou este xoves o presidente desta cátedra, Jose María Cancela, no acto de presentación do proxecto.
Cancela, director da Área de Infraestruturas do campus, estivo acompañado nesta comparecencia de Lucía Saborido, Noelia López e Ricardo Fra, xerentes de Saraiva, Envita e Activiza, respectivamente.
A cátedra ten entre as súas liñas de actuación a creación dun programa de captación de talento, a organización de actividades formativas, o impulso dun sistema de bolsas de prácticas para alumnado e titulados, o desenvolvemento de proxectos e dun laboratorio de investigación e innovación e o fomento da transferencia e de iniciativas de cooperación público-privada, segundo se recolle no convenio asinado pola institución académica e as tres empresas que integran o grupo de Atención Centrada na Persoa (ACP)-Innova.
Como explicou Saborido, as tres empresas avogan por unha "personalización da atención" das persoas maiores, que teña como punto de partida "entender o que é realmente importante para eles" e orientar a partir disto as actividades que se desenvolvan nos centros, "nos que os profesionais cambiamos o rol, porque as acompañamos nos seus proxectos de vida".
Cancela sinalou que un dos labores desta colaboración será "analizar as propostas que se están levando a cabo nos diferentes centros e validalas para que sexan extensibles a outros".
Noelia López sinalou que as tres empresas impulsoras deste convenio constitúen "as tres patas" dun proxecto de "emprendemento social", no que a atención nos centros se combina coa "parte de formación e capacitación dos profesionais" que desenvolve Activiza.
Neste eido, Ricardo Fra destacou que a cátedra permitirá traballar na "validación da formación que estamos levando a cabo" e que, no marco deste modelo centrado nas persoas, avoga polo "empoderamento" dos equipos profesionais que traballan cun colectivo "que de aquí a uns anos vai a ser o máis numeroso da sociedade".
Envita, por outra banda, centra o seu labor no "desenvolvemento de ferramentas e solucións dixitais que favorezan que as organizacións poidan aplicar esa atención centrada na persoa", ámbito no que os investigadores da Universidade poderán contribuír tamén ao desenvolvemento de innovación vinculadas á atención sociosanitaria personalizada.
Este acordo, salientou Cancela, permitirá impulsar "diferentes intervencións", como un "programa de innovación" vinculado ao uso da "realidade virtual inmersiva" para promover a práctica de actividade física e a mellora da saúde de persoas maiores, que "xa está funcionando" e no que participan investigadores das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia.
Do mesmo xeito, a cátedra, "aberta á participación de grupos de investigación dos tres campus" da UVigo, tamén contempla a creación dun "living lab" que implique a participación de institucións, usuarios dos centros para maiores, empresas e investigadores.