Cuntis programa andainas, concertos e un programa de voluntariado para iniciar o verán
Por Redacción
O Concello de Cuntis pon en marcha un programa de actividades culturais e de lecer para o mes de xuño que fará de antesala do programa de verán.
A próxima cita terá lugar o sábado 19 de xuño cun concerto da Banda de Música de Celanova que se celebrará ás 20.30 horas na Praza da Constitución.
Dentro desta programación tamén se encadra unha andaina, a primeira que se organiza despois da crise sanitaria provocada pola covid-19. Este roteiro farase pola Vía Mariana con punto de partida desde Amil. Para desprazarse ata esta localidade de Moraña, o Concello poñerá ao dispor dos inscritas autobuses, tanto para a ida como para a volta.
Este roteiro realizarase o domingo 27 de xuño e partirase en autobús desde Cuntis ás 9:30 horas para partir desde Amil ás 10 horas.
Outra das actividades novas que prepara o goberno local é o primeiro programa de voluntariado, co que se persegue involucrar á poboación nas actividades organizadas desde os distintos departamentos do Concello.
O segundo consiste na creación dun lugar de encontro para persoas de distintas xeracións, o "Espazo Cuntis +". Neste espazo, persoas de diferentes idades, poderán reunirse e compartir unha parte do seu tempo realizando xogos de mesa, manualidades, paseos ou conversacións.
Ademais, continúa aberto o prazo para inscribirse na xincana literaria que se iniciou con motivo das Letras Galegas. Con ela o Concello pretende espertar o interese pola escritura en lingua galega e descubrir o talento literario das veciñas e veciños.
As persoas interesadas deberán presentar a solicitude antes de 30 de xuño e escribir unha historia en grupo. Haberá premios para as mellores producións literarias valorados en 1200 euros en total.