O verán e a fin das restricións permite a reactivación do Camiño
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Chega o verán, reláxanse as restricións, aplácase a pandemia e regresan os peregrinos. Aínda que o fan a contagotas, polas rúas da de Pontevedra xa se deixan ver pequenos grupos de camiñantes en dirección a Santiago. Esta reactivación do sector constátana os albergues da cidade que despois de permanecer case un ano inactivos ven como o seu libro de reservas comeza a encherse.
"Estamos a empezar a actividade, pero cun 30% nas instalacións compartidas", explica Candela Garrido, xerente de Acolá Hostel as restricións que deben respectar neste reinicio do sector. A pesar da redución de aforo, a capacidade destas instalacións está a ser máis que suficiente para dar cabida a toda a demanda. "Aínda está todo moi parado, temos o aforo restrinxido e aínda así non se adoita encher", recoñece Ana Redondo, do Albergue Aloxa.
Polo momento os grupos de peregrinos que chegan a Pontevedra son reducidos e procedentes na súa maioría de Portugal ou doutras comunidades de España. "A semana pasada o 90% eran portugueses, pero agora empezan a ser maioría os españois", puntualiza Redondo.
A pesar de que por agora a limitación de aforo non supón un problema, nos albergues esperan que a Xunta permita ampliar a capacidade para os próximos meses de xullo e agosto porque as chamadas para reservar praza son cada día máis numerosas. "É complicado traballar así, é unha miseria. Temos 60 camas e só podemos utilizar 18. Non dá nin para cubrir gastos", explican en Aloxa, onde prevén un mes de agosto moito máis activo que o de xullo.
A preocupación polas habitacións colectivas non afecta só os propietarios dos albergues, os peregrinos tamén se mostran recelosos de compartir espazo con persoas descoñecidas. "Están a funcionar mellor as habitacións privadas", recoñece Candela Garrido, quen ve un crecente interese en volver ao Camiño pero tamén moita precaución por parte dos peregrinos. "Preguntan moito pola política de cancelación e os que están a vir xa están vacinados na súa maioría e fánnolo saber", detalla.
Avanzar na vacinación é un factor chave na volta á normalidade dun sector moi castigado pola pandemia e que ve como o Xacobeo, unha tempada que ía ser histórica en canto ao número de peregrinos, non está a render como esperaban pola pandemia. "Cando che vén un grupo anímaste, pero ao día seguinte ves que non entra ninguén e volves estar de baixón", confesa Redondo.
"O Camiño necesita aos peregrinos estranxeiros", afirman tanto Garrido como Redondo. Por iso reclaman ás autoridades unha maior axilidade coas vacinas e incluír o tratamento contra a covid-19 no calendario de vacinación para poder pasar a páxina da pandemia e volver gozar do Camiño.
Con todo, o regreso a Compostela de peregrinos doutros países de Europa ou doutros continentes vaise atrasar. "Ata que non estea todo aberto, o peregrino doutro país non vai vir. En Reino Unido se veñen logo teñen que gardar corentena", detalla Tino Lores, presidente da Asociación Amigos do Camiño Portugués.
A pesar de que a recuperación vai moi lenta e "que esperabamos 120.000 peregrinos para este ano Santo e se chegamos a 50.000 darémonos cun canto nos dentes", Tino Lores móstrase "ilusionado e esperanzado" porque "moi aos poucos vaise reactivando, a xente está a chamar xa para xullo e agosto pero por agora aínda estamos moi lonxe do 30 % de capacidade que temos".
Para superar esta situación, insiste Lores en que "o Camiño é seguro". E o é porque transcorre por paraxes naturais nos que a distancia de seguridade está garantida e porque os albergues adoptaron medidas de precaución e prevención "extremas", sosteñen desde a Asociación Amigos do Camiño Portugués para animar aos peregrinos para volver ao Camiño.
Relacionadas:
-
Trinta artistas de Galicia e Portugal mostran en Pontevedra a súa visión do Camiño
Por Redacción |
-
A Garda Civil activa as Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino
Por Oskar Viéitez |
-
Cinco anos santos cumprindo a tradición de peregrinar a Santiago
Por Oskar Viéitez |
-
Albergues abertos pero sen peregrinos
Por Manu Otero & Mónica Patxot |