Caldas celebrará San Xoán sen fogueira pero con actividades para todos os públicos
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis volverá celebrar a festividade de San Xoán cun programa atractivo e deseñado para todos os públicos. Serán os días 22, 23 e 24 de xuño, sen fogueira, pero con música en directo, actividades lúdico-deportivas e a gastronomía como protagonistas.
A presentación do cartaz celebrouse este venres nun acto no que participaron a concelleira de Cultura, María López Buceta, o concelleiro de Comercio, Jacobo Pérez, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Inés Fuentes.
Durante o acto, explicaron que as actividades darán o pistoletazo de saída o martes día 22 cunha andaina de recollida das herbas de San Xoán guiada polo divulgador e experto en herbáceas, Braulio Mondragón. Sairá ás 18:00 horas da Praza do Camiño.
Os días 23 e 24, o Grupo de Gaitas As Espiñas amenizará as rúas da vila con pasarrúas. A Banda da Balbina actuará o mércores a partir das 21:30 horas no Campo Torre e, na tarde do xoves, seguirá a festa coa animación de rúa por parte do Grupo Tradicional dos Druídas.
Ademais, ambos os dous días, a sardiña será a protagonista no certame de tapas no que participan os bares e restaurantes da Asociación da Hostalaría.
No acto de presentación os concelleiros destacaron "a enorme satisfacción de poder celebrar un ano máis unha festa tan arraigada no noso concello como é o San Xoán, a pesar de que seguen moi presentes as limitacións sanitarias pola pandemia".