Portas mellorará os camiños de Cachal
Por Redacción
O Concello de Portas mellorará os camiños en Cachal (Lantaño) a través do Plan Marco impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento.
As obras vai a realizalas a empresa COVSA, elexida entre as once empresas que foron ao concurso. O prezo de licitación foi duns 51.500 euros pero o custe final será de 37.500.
Os traballos están enmarcados dentro do obxectivo xenérico destinado a reforzar o tecido social e a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, así como a dinamizar o tecido produtivo e fixar poboación ao tempo que se poñen en marcha obras para conservar e mellorar as infraestruturas rurais.
Segundo o Concello, a súa intención é "mellorar estas infraestruturas rurais porque xeran cohesión social e territorial, melloran as condicións de vida e traballo no medio rural".
Así, estes camiños rurais que se van a mellorar en Cachal facilitan a accesibilidade e vertebran interiormente o territorio e, por outra banda, contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias.
O alcalde, Ricardo Martínez, explicou que con estas obras "resolverán problemas de mantemento e de conectividade interior no municipio favorecendo a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas do rural con infraestruturas e viais de comunicación á altura das nosas necesidades".