A Aixola estende o seu plan formativo con 60 prazas máis en cinco novos cursos gratuítos
Por Redacción
O Centro de Formación A Aixola porá en marcha cinco novos cursos gratuítos cunha oferta de 60 prazas que se impartirán no segundo semestre de 2021 na súa sede do porto de Marín.
A actividade estará dirixida a persoas vencelladas co sector pesqueiro, cónxuxes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector.
O programa iniciarase nos primeiros días de setembro, cando está previsto o inicio das clases dos cursos de Innovación en madeira. Autoconstrución comeza o 1 de setembro e Velaría e acastillaxe o 9 de setembro, teñen unha duración de 350 horas e 12 prazas cada un deles, e se desenvolverán ata o 15 e o 22 de decembro respectivamente.
O resto dos cursos comezarán tamén en setembro, como o que permitirá a obtención do certificado profesional en confección e mantemento de artes e aparellos, de 330 horas de duración e que se desenvolverá entre o día 6 de setembro e o 14 de decembro.
A nova oferta formativa do centro de formación A Aixola completarase con dous cursos de Instalación eléctrica naval en barcos de pequena potencia e Laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e construción naval, os dous de 300 horas de duración e con 12 prazas cada un. O primeiro desenvolverase do 20 de setembro ao 17 de decembro e o segundo do 13 de setembro ao 10 de decembro.
O alumnado destes cursos poderá complementar a súa formación con titorías personalizadas sobre a elaboración de currículos, a busca de emprego a través de internet e a orientación ao autoemprego. A preinscrición para todos os cursos pode facerse a través da páxina web do centro.
Relacionadas:
-
A Aixola inicia o curso con 40 prazas en tres novas accións formativas para o sector pesqueiro
Por Redacción |
-
A Aixola impartirá sete novos cursos e outras accións formativas para o sector marítimo-pesqueiro galego
Por Oskar Viéitez |
-
Posta a punto das pneumáticas do servizo municipal de salvamento para vixiar as praias de Marín
Por Redacción |
-
Rosa Quintana supervisa os novos cursos de formación que oferta a Aixola no seu centro do porto de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
A Aixola oferta catro novos cursos gratuítos no seu centro do porto de Marín
Por Redacción |