Os interesados en deseñar a nova imaxe do Concello poden presentar traballos ata o 2 de xullo
Por Redacción
Ata o próximo 2 de xullo persoas físicas ou xurídicas, cuxa actividade principal sexa a creación, o deseño gráfico, o marketing ou a publicidade poderán presentar os seus traballos para optar a poder crear a nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra.
Nesta primeira fase do concurso, os interesados terán que achegar o seu 'portfolio' profesional e facelo de xeito anónimo e sen incluír traballos realizados para o propio Concello.
O xurado, composto por técnicos municipais e expertos no ámbito do deseño e a comunicación, seleccionará as catro propostas que mellor se adapten a esta convocatoria.
Para isto, terán en conta criterios como a experiencia en presentación de campañas de imaxes institucionais ou corporativas, a maior calidade formal e artística dos traballos realizados ou a capacidade demostrada para transmitir os valores das marcas.
Segundo consta nas bases do proceso, tamén se analizará a versatilidade das propostas de imaxe corporativa realizadas ao longo da súa traxectoria profesional.
As candidaturas seleccionaranse segundo a puntuación acadada en cada un dos apartados de avaliación.
A segunda fase consistirá en convidar as catro empresas seleccionadas para que presenten as súas propostas de imagotipo coa correspondente memoria e definición da imaxe en diferentes soportes e aplicacións.
Nesta fase, as catro empresas participantes serán compensadas con 950 euros para gastos na elaboración das propostas, e a adxudicataria final subscribirá un contrato por un importe de 12.000 euros para desenvolver a imaxe corporativa definitiva.
Relacionadas:
-
A empresa Cenlitrosmetrocadrado deseñará a nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra, na busca dunha nova imaxe para dar un "salto adiante" na súa proxección
Por Alejandro Espiño |
-
Catro expertos asesorarán na escolla da nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra avanza na procura da súa nova imaxe corporativa
Por Redacción |
-
O Concello e Asociación Galega de Deseño colaboran na renovación da imaxe corporativa municipal
Por Redacción |
-
Haberá un cambio de imaxe corporativa do Concello para amosar o dinamismo e a proxección internacional de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |