A obras para acondicionar as beirarrúas na PO-551 durarán dous meses
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras para o acondicionamento de beirarrúas na estrada autonómica PO-551, ao seu paso polo concello de Bueu. Foron adxudicadas por máis de 48.000 euros á empresa Construcciones EC Casas.
As obras teñen un prazo de execución de dous meses e consistirán na mellora da estabilidade da beirarrúa peonil existente na marxe dereita da estrada autonómica, nun treito de 120 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 11+250 e 11+370.
Tamén construirán un muro de perpiaños para conter a base da zona de circulación peonil, a posterior execución dun novo recheo e, por último, a pavimentación da beirarrúa nova, cun ancho medio de 1,80 metros e pavimento de baldosa hidráulica.
Ademais, nos vaos peonís previstos, no extremo da beirarrúa, colocarase pavimento táctil direccional ou de botóns. Finalmente, relizarán a reposición da sinalización da estrada e colocarán unha varanda que permita protexer do desnivel existente nalgúns tramos da beirarrúa.
A programación das obras será en función do tráfico e coordinarase coa execución dos traballos que lle corresponden ao Concello de Bueu, consistentes na modernización dos servizos existentes baixo a dita beirarrúa. En concreto, retirarán conducións de fibrocemento existentes e colocarán novas tubaxes.