Cuntis e Vilanova reciben un novo todoterreo para as súas agrupacións de Protección Civil
Por Redacción
Oito vehículos todoterreo entregou este sábado a Xunta de Galicia a outros tantos municipios galegos, entre eles os de Cuntis e Vilanova de Arousa, para renovar o parque móbil das súas respectivas agrupacións de Protección Civil.
A adquisición destes coches, que foron entregados polo vicepresidente Alfonso Rueda nun acto celebrado no Monte do Gozo, de Santiago de Compostela, enmárcase no investimento de 932.000 euros do goberno galego en material de emerxencias.
Os vehículos entregados contan, entre outras características, con 190 cv, dirección asistida e control de descenso de pendentes para que os voluntarios poidan circular por todo tipo de terreos para levar a cabo as súas intervencións coa máxima seguridade e eficacia.
Ademais destes coches, ao amparo desta orde, financiáronse 12 remolques de emerxencias, 37 tendas de campaña para emerxencias e 4 UTV (Utility Task Vehicle).
A este material súmanse 12 coitelas para retirada de neve e 12 esparcidores de sal para os concellos de montaña e 4 embarcacións pneumáticas para os municipios costeiros ou con encoros onde se practican actividades de recreo.