Preocupación ante a falta de cobertura dunha das catro prazas de médico de familia ao quedar vacante
Por Redacción
O goberno local de Vilaboa mostrou a súa preocupación ante o que consideran a precarización da atención sanitaria no centro de saúde do municipio. Alerta da falta de cobertura desde este mes de xuño dunha das catro prazas de médico de familia, que quedou vacante.
Desde o Concello indícase que trasladarán a José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o malestar veciñal ante esta ausencia e reclamará a reposición do servizo coa totalidade do persoal durante os meses de verán, ao temerse que non se cubran as vacacións dos profesionais sanitarios.
O alcalde César Poza considera inadmisible que se condene á poboación para ser atendida por só dous médicos e insta ao xerente a cubrir a baixa por traslado rexistrada a principios de mes e establecer unha planificación de substitución das vacacións dos médicos que se atopan en activo.
Sinala que a situación provocada pola pandemia levou a que se transformasen as consultas presenciais en telefónicas ou por correo electrónico e considera que este problema agrávase ante a precariedade de profesionais sanitarios nos municipios con menor número de residentes, como é o caso de Vilaboa.
Poza lembra que non cubrir as prazas vacantes de Atención Primaria, tanto por traslados como por vacacións, supón un "duro castigo e unha discriminación para a poboación do rural" e, por este motivo, demanda que se manteñan todas as prazas activas durante os próximos meses.