O peche de Raíña Vitoria mellorou, segundo o goberno municipal, o tráfico en Eduardo Pondal e Echegaray
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O grupo municipal do PP de Pontevedra volveu pedir sen éxito ao Concello a reapertura ao tráfico a rúa Reina Vitoria, pechada á circulación desde setembro do ano 2020.
O concelleiro do PP, Pablo Fernández, lembrou que un bando da Alcaldía vinculou esta medida á pandemia, xustificando que con este corte de tráfico evítanse aglomeracións do alumnado nas entradas e saídas do IES Sánchez Cantón.
Pablo Fernández argumentou que a reapertura ao tráfico é unha "necesidade económica e social", e asegurou que coa prolongación no tempo deste corte o Goberno local demostra que aquela escusa "era unha patraña para facer o que vostedes querían facer desde hai tempo. Un peche sustentado nunha mentira".
O edil do PP tamén engadiu que este corte de tráfico carece dun informe técnico previo ou dun estudo de mobilidade e de tráfico.
Precisamente, o portavoz do grupo municipal do Partido Socialista, Tino Fernández reprochou ao Partido Popular que pida a reapertura de Raíña Vitoria e fale do tráfico "sen datos" animándolles a que "polo menos recollan firmas" que sustenten ese rexeitamento social, comercial e empresarial ao que aluden.
Ademais sinalou que "este tipo de mocións deixan ben claro aos veciños de Pontevedra que no hipotético e remoto caso de que vostedes volvan gobernar non dubidarían en afogarnos metendo coches".
Nesta liña argumental tamén incidiu o portavoz do BNG, César Mosquera que asegurou que "temos datos e temos estudos" e estes indican que "mellorou o tráfico nas zonas que queriamos mellorar" como son as rúas Eduardo Pondal, Alameda e Echegaray onde recoñeceu que existe "un problema real" porque estes viais "non están a funcionar ben" e por iso "imos seguir para tratar de solucionalo".
Mosquera tamén recoñeceu que o peche de Raíña Vitoria provocou que noutras rúas este tráfico "se desprazara e crease algún problema" como Ribeira dos Peiraos, San Roque de Abaixo ou Palamios.
Finalmente, Mosquera preguntou ao PP "por que retoman agora a liña que tan mal foi hai anos?" e cominoulles a que "sexan propositivos" e que digan "que solución danlle vostedes para solucionar o tráfico nestas rúas" aínda que engadiu que "no fondo está a idea de que non se tome ningunha medida en contra do tráfico".
Pablo Fernández pechou o debate afirmando que co rexeitamento á moción do PP "hoxe consumaron unha gran mentira" e dixo que o goberno local "cambiou o diálogo polo autoritarismo: exprópiese Reina Vitoria" para engadir que este é un "goberno mentireiro cun alcalde covarde".
A moción foi rexeitada con 14 votos en contra do BNG e do PSOE e 9 a favor do PP e do edil non adscrito.
BARRIO DA SECA E INDULTOS
A concelleira do Partido Popular, Pepa Pardo defendeu no pleno a elaboración dun plan de humanización integral do barrio da Seca e o portavoz do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez levou ao Teatro Principal a súa campaña contra a posibilidade de que o goberno que preside Pedro Sánchez outorgue un indulto aos que "rompieron con el juego constitucional".
Ambas as mocións foron rexeitadas con 14 votos en contra correspondentes aos concelleiros do BNG e do PSOE e 9 votos a favor do PP e do edil non adscrito.
PEINETA
Nos minutos finais do pleno interveu cun rogo o concelleiro do PP, Guille Juncal que solicitou a retirada dunha "peineta" que lle dedicaba o portavoz do PSOE, Tino Fernández, por ser un xesto impropio dunha institución como o Concello de Pontevedra. O tenente de alcalde desculpouse e retirou esta ofensa e apuntou que lle gustase que o PP fixese o mesmo cando lle chamou "ladrón".
MODIFICACIÓN DO CADRO DE PERSOAL
Na parte resolutiva do pleno foi aprobada a modificación do cadro de persoal que reorganiza un total de 33 postos de traballo co obxecto de "axilizar a tramitación administrativa e reducir os tempos de espera da cidadanía".
A concelleira de Persoal, Carme Fouces enmarcou esta modificación da RPT na modernización da administración pública e asegurou que permitirá o fortalecemento" de varios servizos, entre os que citou Benestar Social, as oficinas técnicas e das súas brigadas, e o servizo de Contratación do que destacou que é un dos que máis volume de traballo está a ter.
A segunda área comprende a centralización das funcións de administración electrónica e informática, que antes eran dous servizos diferenciados e que agora se aglutinarán todos os recursos na área de Informática, o que permitirá que todas as tarefas estean agrupadas e póidase traballar con máis axilidade.
Relacionadas:
-
A Avenida Raíña Vitoria seguirá pechada ao tráfico
Por Oskar Viéitez |
-
Haberá cronómetro nos plenos para limitar os tempos de intervención
Por Alejandro Espiño |
-
O PP reta ao goberno municipal a ser "valientes" e recoñecer as súas "mentiras" sobre Raíña Vitoria
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello reorganiza os postos de traballo de varios servizos para unha maior axilidade
Por Alejandro Espiño |
-
O PP de Pontevedra pedirá no pleno que o Goberno de Sánchez rexeite os indultos aos independentistas cataláns
Por Redacción |