As residencias de maiores recuperan o compadreo: "Esto era una cárcel para nosotros"
Por Natalia Puga
A residencia de maiores de Pontevedra, unha das tres públicas que existen na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, activou este luns o protocolo que lle permite regresar á vida normal, aínda que cumprindo unha serie de requisitos. Tras máis dun ano de pandemia e prohibicións moi estritas, os usuarios poden saír, recibir visitas e recuperar o compadreo entre eles, con comidas e actividades comunitarias.
A nova normalidade, que noutras residencias de Galicia xa se aplicou o sábado, tivo moi boa acollida entre os usuarios. "No somos delincuentes y esto era una cárcel para nosotros", reflexiona Vicente, un residente de 78 anos que, de charla con outros dous compañeiros ás portas do centro, celebra poder retomar vellos costumes previos á covid-19.
Entende que as restricións se adoptaban por prevención, pero tamén destaca que foi unha tempada moi dura. "Yo tuve dos cuarentenas aquí y ya me llega. ¿A ti qué te parece?", sinala e, para celebrar que xa pode saír, ten pensado ir a un bar para tomar "un café con augardente".
José Enrique, outro residente de 77 anos, lembra que, agora que xa todos os usuarios e traballadores están vacinados, "esperábamos salir hace tiempo, pero ahora está mejor la cosa" e que "estar encerrados es un poco difícil". En todo caso, tira de resignación: "lo vamos llevando".
Julio, de 82 anos, tan só leva no centro un mes, de modo que non pasou os momentos máis duros na residencia e recoñece que "no puedo opinar mucho". En todo caso, celebra que se poidan retomar as visitas e saídas, pois permitiranlle ir á súa casa de Vigo.
Este luns, con motivo da activación do protocolo, visitaron esta residencia o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López; a xefa territorial de Política Social, María José Pérez-Izaguirre, e o director en funcións, Óscar Arroyo. Todos destacan que se regresa a esta normalidade tras 15 meses de restricións grazas ao avance na vacinación, que xa chegou á totalidade dos usuarios e traballadores das residencias de Galicia. En Campolongo, ademais, si houbo corentenas, pero ningún positivo en toda a pandemia.
Luís López destaca, así mesmo, que "foi posible polo bo facer, bo taballo, esforzo e responsabilidade tanto dos traballadores das residencias como dos usuarios" e que as novas medidas de alivio das restricións tiveron moi boa acollida, en tanto que permiten entrar e saír con máis liberdade, romper os grupos burbullas en comidas e actividades ou pernoitar fose presentando unha proba negativa ao seu regreso.
A xefa territorial destacou que os usuarios están "muy contentos", pois supón a "noticia estupenda" de que, por exemplo, poderán recuperar unha vida en comunidade dentro da residencia. Neste centro, os residentes na cuarta planta levaban meses sen poder ver aos compañeiros cos que antes da pandemia comían a diario e "ya se van a poder reunir todos juntos".
Durante a visita, realizaron un percorrido polas instalacións para coñecer os protocolos das novas medidas de reapertura. Segundo adiantou o director en funcións, a previsión é que o vindeiro xoves poidan volver comer xa todos xuntos no comedor e non de forma individual como ata o de agora e volver utilizar as zonas comúns.
Arroio asegura que todo este proceso "se está viviendo con una alegría inmensa", pois aos usuarios afectoulles moito a pandemia "a nivel cognitivo y físico y, sobre todo, a nivel afectivo, que es lo que recuperamos ya". A sensación xeral é"quizá, alivio, ver ya el final del túnel".