Recoñecemento ao colexio da Lama por un mural interactivo para escoitar os músicos do Pórtico da Gloria
Por Redacción
O PDI (Proxecto Documental Integrado) elaborado polo alumnado do colexio da Lama durante este curso escolar adicado ao Camiño de Santiago recibiu este luns un recoñecemento por parte da Consellería de Educación. O centro recibiu a visita do director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta de Galicia, Jesús Álvarez Bértolo, en representación do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para coñecer de primeira man o proxecto.
Trátase dun mural interactivo de 7 metros de ancho e 2 de alto coas figuras representativas do Pórtico da Gloria acompañadas duns botóns que permiten escoitar o son que emitían os instrumentos medievais e a voz do propio alumnado relatando informacións breves relacionadas coa Catedral de Santiago e a súa historia.
O alumnado de sexto de primaria foi o encargado da construción deste panel xigante interactivo cos músicos do Pórtico da Gloria e este luns tiveron unha participación activa durante a visita.
O director do centro, Rafael Sánchez-Agustino, e o alumnado presentaron o proxecto e mostraron a Jesús Álvarez as instalacións do centro escolar a través dun pequeno percorrido pola súa biblioteca e os estudios de radio e animación.
A visita contou tamén coa presenza do tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, que trasladaron ao alumnado unha mensaxe de agradecemento e tamén unha felicitación polo remate deste etapa educativa de Primaria.
Jesús Álvarez tomou nota das peticións do alumnado co centro, que se centraban principalmente en dotar de materiais lúdicos e deportivos o patio de recreo.