
© Asociación veciñal O Chedeiro
Alertan en Cerponzóns da colonización do Castrado por niños de velutinas

Por Redacción
A asociación de veciños O Chedeiro da parroquia de Cerponzóns volve chamar a atención ao recibir avisos de residentes no lugar do Castrado que comprobaron a presenza de niños de avespas velutinas que están a colonizar, un verán máis, a zona.
Desde esta asociación sinalan que as altas temperaturas favoreceron esta aparición e agora a veciñanza está a mostrarse preocupada polo malestar que poden orixinar ante a posibilidade de que se produzan ataques cando se acheguen ás diferentes leiras a traballar. Indican que as persoas de avanzada idade teñen medo a saír da súa casa ante a posibilidade de que poidan sufrir picadas.
Lembran tamén que algún dos niños se sitúa nunha zona de paso do Camiño Portugués a Santiago ante o perigo que pode supoñer para os peregrinos que percorran esta zona.
Desde a asociación O Chedeiro reclamana aos responsables da Xunta que teñan en conta estas circunstancias e que, con motivo do Ano Santo, se actúe na zona para eliminar estes niños de velutinas.