Repuntan os casos activos por covid-19 tras rexistrarse trece novos contaxios
Por Alejandro Espiño
Un lixeiro aumento dos casos activos por covid-19 experimentou desde onte a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Hai 123 persoas coa infección activa, catro máis que no último balance do Servizo Galego de Saúde, que reflicte ata trece contaxios novos.
A tendencia contraria seguen os pacientes hospitalizados. Pasaron a ser sete, un menos que onte. Todos eles están ingresados no Hospital de Montecelo.
A maior parte deles (6) están en planta. Hai outro máis ingresado na unidade de coidados críticos (UCI) do hospital pontevedrés. Segue sen haber pacientes con covid-19 nin no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
O resto dos que contraeron o virus, outras 116 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Desde o inicio da pandemia 14.133 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, nove nas últimas 24 horas, e rexistráronse 181 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 245.426, 263 nas últimas horas. Delas, 12 deron positivo (4,56%). A estas probas súmanse as 83.759 probas de antíxenos e outras 93.006 probas de detección realizadas ata a data.
INCIDENCIA EN GALICIA
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.274, 24 máis que o día anterior. Deles 458 son da área da Coruña, 161 da de Lugo, 141 da de Ourense, 124 da de Pontevedra, 191 da área de Vigo, 103 da de Santiago e 97 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 35 en unidades de hospitalización e 1.224 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 124.932 persoas curadas, rexistrándose 2.434 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 2.334.110 probas PCR, 3.035 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 83 novos infectados.
Relacionadas:
-
Caen a 116 os casos activos por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Por Alejandro Espiño |
-
Xornada sen apenas cambios con 119 casos activos e só tres contaxios novos
Por Alejandro Espiño |
-
Tímido descenso dos casos activos e dos hospitalizados por covid-19 en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |