"¿Es usted consciente de que se le está juzgando?"
Por Oskar Viéitez
Este martes celebrouse na Audiencia de Pontevedra a primeira sesión dun xuízo contra un veciño de Pontevedra acusado dos delitos de malos tratos sobre a muller, agresión sexual e ameazas leves.
Con todo o estado deste home sementou as dúbidas da Fiscalía e do propio tribunal ata o punto de que a maxistrada presidenta da Sección Cuarta da Audiencia Provincial, Nélida Cid, dirixiuse ao acusado para preguntarlle "¿es usted consciente de que se le está juzgando?" ao que o procesado contestou "yo no hice nada".
Segundo explicou o avogado que defende os intereses deste home, o seu cliente "se ha tomado hoy unas siete pastillas". O acusado corroborou esta circunstancia "estoy tomando medicación". "¿Pero usted se entera de lo que pasa en la Sala?", insistiu entón a maxistrada. "Un poco sí...", contestou o acusado.
Diante desta situación o tribunal optou por suspender a vista durante media hora para que este home fose avaliado pola médico forense que, despois de entrevistar o acusado e chequear o seu estado de saúde, valorou que podía ser xulgado con garantías por se "consciente" do proceso xudicial ao que está sometido e as súas posibles consecuencias.
Ademais, engadiron que "tiene un recuerdo de los hechos" polos que está procesado "y responde con claridad y con prudencia" aínda que nalgunhas ocasións "alega que no entiende lo que se le pregunta".
Deste xeito retomouse a vista aínda que o acusado optou por responder unicamente as preguntas do seu letrado e este dirixiuse a el para formular unha única pregunta sobre se a súa negativa para responder era porque tomara esa medicación ao que o seu cliente respondeu afirmativamente.
A continuación compareceu a vítima a porta pechada.
A Fiscalía de Pontevedra solicita nove anos e catro meses de prisión para este pontevedrés que está acusado de maltratar e agredir sexualmente a súa ex parella, tras non aceptar a súa separación tras pouco máis dun ano de relación sentimental.
Segundo recolle o fiscal no seu escrito de acusación, os malos tratos comezaron aos sete meses de iniciar a relación e, en concreto, relata un episodio que ocorreu nunha rúa de Pontevedra en setembro de 2018.
O acusado estivo preto dun ano en prisión provisional por estes feitos e na actualidade está en liberdade, obrigado a levar un dispositivo de seguimento telemático para comprobar que non se achegue a menos de 500 metros da vítima.
Xunto coa pena de cárcere, a Fiscalía reclama ao tribunal que se lle impoñan oito anos de liberdade vixiada tras a súa saída de prisión, mantendo ademais a orde de afastamento durante ano e medio máis do tempo que pase encerrado.
Ademais, esixe que indemnice á vítima con 250 euros polas lesións causadas e ao Servizo Galego de Saúde cos 1.220 euros que custou a atención médica recibida pola muller tras a agresión sexual sufrida.