Veciños do Pereiro denuncian o asolagamento das súas leiras debido ás obras de saneamento de pluviais
Por Anxo Lourido
Levan tres meses sufrindo inundacións nas súas leiras particulares cada vez que chove con algo de intensidade. Trátase dun grupo de oito propietarios do lugar do Pereiro, na parroquia de San Xoán de Poio, que mostran o seu malestar polas obras de saneamento de recollida de pluviais executada polo Concello de Poio nesta zona durante os últimos meses.
Raquel Outeda é a portavoz deste colectivo afectado e móstrase contundente ao afirmar que as obras se realizaron sen proxecto e sen autorizacións sectoriais nin exposición pública. "Cos veciños afectados non se falou", asevera a representante veciñal. Ela indica que os operarios instalaron dúas canalizacións que desembocan na súa leira retirando unha pedra dun muro e colocando dúas tubaxes na súa propiedade sen solicitar autorización nin presentar unha notificación municipal.
A partir dese momento comezaron as queixas á concelleira responsable de Obras, Chelo Besada. A primeira solución foi retirar un dos tubos da leira de Raquel Outeda e derivar parte da auga, sen que se resolvera o problema. A preocupación veciñal foi en aumento ao entender que a presa de regadío carece de capacidade para levar a auga que se xera en días de choiva ocasionando estes danos nas leiras privadas.
E así sucede. Cada vez que chove, Raquel atópase o terreo empantanado. A auga chégalle por riba dos nocellos. Pero non é o único caso. Indica que, noutras propiedades, cultivan patacas ou millo e que a entrada da auga provoca danos graves nesas leiras, propiedade de persoas de avanzada idade que viven, en parte, desas colleitas. "Non pode ser", afirma Raquel Outeda, "é unha obra mal feita".
Sinalan que a concelleira responsable de Obras e Servizos xa non atende ás súas reclamacións. "Nin contesta nin chama nin vén por aquí", afirma a portavoz veciñal. Por este motivo trasladaron a súa protesta ao PP, partido da oposición, que levou o tema ao pleno sen que se resolvera a demanda.
Os afectados indican que a solución posible pasa porque a saída das augas pluviais se perfile estrada abaixo e lembran que tamén existe unha canalización, realizada pola asociación de veciños do Pereiro, dunha antiga fonte ata o río que se podía aproveitar.
"Estamos desesperados. Que vai ser de nós?", pregunta Raquel Outeda ante o temor de que se presente un outono chuvioso e non se resolva este problema durante o verán. A portavoz afirma que, no caso de que o Concello non reaccione, se verán obrigados a acudir aos xulgados.