Ritual das herbas de San Xoán contado polos membros de Vaipolorío
Por Mónica Patxot & María José Pita
Ademais das fogueiras, a noite do 23 de xuño conserva outras tradicións de moito arraigo en Galicia, como é o ritual das herbas de San Xoán.
Segundo as zonas da xeografía galega, imos atopar o uso diferentes tipos de herbas, pero hai cinco que se repiten en case todos os lugares: "poenxo, ruda, herba Luísa, romeu e madreselva", explícanos Ramón Laxe, membro da asociación Vaipolorío.
O colectivo ecoloxista leva dende 2009 facendo unha recollida de datos e revitalizando a tradición ao redor das herbas de San Xoán nas sete parroquias polas que discorre o río Gafos. Dúas atópanse no Concello de Vilaboa: Figueirido e Bértola. E as outras cinco no de Pontevedra: Salcedo, Tomeza, Virxe do Camiño, San Xosé e Santa María, as tres últimas no zona urbana da cidade.
Citámonos en Ponte da Condesa, en Tomeza, nunha leira na que recentemente plantaron maceiras e que ten unha mesa de pedra onde cada serán do día previo a San Xoán explican as tradicións desta data ao público interesado. Este ano, por mor das medidas sanitarias, o grupo reducirase a só 15 persoas. "Chegamos a ter máis de 50", afirma Ramón Laxe.
Amancio Castro, outro dos membros de Vaipolorío, amósanos as diferentes herbas que teñen preparadas para ensinar na súa charla. "A maior parte das herbas, como estas que trouxemos de mostra, están nas hortas, non as atopas nos camiños".
A única excepción é a carrasquiña, outra das herbas que adoita incorporarse no caldeiro de San Xoán. "A carrasquiña está no monte, noutras zonas coñécese como tromentelo, tormentelo, trementelo... a dous quilómetros xa pode ser outro nome. Dáse en sitios soleados, rocosos e ás veces en rocas onde lle dá a humedade", engade Castro, á vez que lamenta que precisamente esta planta sexa "unha das vítimas dos incendios forestais, e unha vez desaparece xa non a volves a ver alí".
Amancio e Ramón trouxeron varias mostras de herbas tradicionais de San Xoán que tamén se recollen nun libro de referencia editado pola propia asociación baixo o título As herbas de San Xoán na contorna do río dos Gafos. Xuntó á carrasquiña, a herba Luísa, o romeu, o poenxo, a macela brava, a malvarrosa, a madreselva, a falsa árnica, a menta, a ruda, o fiúncho, o sabugueiro e as follas de figueira, limoeiro e noceira.
Ramón Laxe segue contándonos das tradicións ao redor destas herbas, que soen recollerse na mesma tarde do 23 de xuño para deixalas "ao resío da noite" en auga procedente de tres fontes e introducida nun recipiente de boca ancha que é coñecido co nome de 'cacho', aínda que tamén se pode usar unha tina ou unha tarteira de barro. O que si é importante é colocalo nun lugar protexido, afastado de posibles trasnadas de xente moza á volta da festa. "Pode ser enriba dun tellado, nunha ventá alta ou mesmo no salvarratos da paneira", sinala Laxe.
Á mañanciña, hai que lavar a cara coa auga aromatizada polas herbas co fin de "escorrentar o mal de ollo e as bruxas", segundo a crenza popular. Máis alá de supersticións, estes costumes teñen certa lóxica xa que, "todas estas herbas son medicinais", apunta Castro.
O seguinte paso, que varía segundo as zonas, sería reservar os ramos e secalos "colgándoos coa cabeza para abaixo nun lugar da casa fresco e á sombra". Deste xeito, segundo se expón no libro, "estarán a disposición durante o resto do ano para outros usos, uns medicinais, é o caso da herba Luísa, a ruda, os poenxos ou a macela, e outros teñen que ver cos afumados para sandar a pezoña de certas picaduras ou 'aires' que nos poidan afectar á saúde". Finalmente, as herbas que cheguen ao seguinte ano, queimaranse polo San Xoán como ritual de renovación.