O papel do Exército durante a pandemia, visto polos escolares pontevedreses
Por Redacción
Belén García Dios, alumna de cuarto curso de ESO do CPR Plurilingüe Inmaculada de Marín, recibiu este martes o premio como gañadora da fase provincial en Pontevedra do concurso 'Carta a un Militar Español' no que este curso escolares de toda España achegaron a súa visión sobre o papel do Exército durante a pandemia da covid-19.
A sede da Subdelegación de Defensa en Pontevedra acolleu este martes o acto de entrega de premios da fase provincial, ao que acudiron os integrantes do xurado, composto polo subdelegado de Defensa, o coronel Miguel Cortés Calvo; o vicerreitor do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Jorge Soto Carballo; a secretaria do Centro Universitario da Defensa na Escola Naval Militar de Marín, Belén Barragáns Martínez; a directora provincial do Grupo Cope, Belén Zapata Román; e a xestor da área de recrutamento, o capitán de Fragata César Barros Fraga.
O resto de finalistas foron: Aloia López Martínez, de primeiro de Bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra; Fernanda do Carmen Moraes Vidal, de primeiro de Bacharelato do IES de Ponte Caldelas; Daniel Martínez Almeida, de cuarto de ESO do CPR Nuestra Señora De La Esperanza de Vigo; ou Rodrigo Villar Martínez, de cuarto de ESO do CPR Juan Sebastián Elcano de Pontevedra.
O concurso, organizado polo Ministerio de Defensa, busca contribuír á difusión da Cultura de Defensa en España mediante o achegamento da temática militar aos mozos. Este ano o tema elixido foi a actuación das Forzas Armadas na denominada operación Balmis durante o estado de alarma.
O alumnado redactou unha carta a un militar anónimo coa súa opinión achega do papel desenvolvido polas Forzas Armadas neses meses de confinamento. Nas bases do concurso animábase aos alumnos para reflexionar achega do papel xeral que teñen as Forzas Armadas para protexer e servir á poboación, particularmente en situacións de emerxencia ou catástrofe.