Caldas de Reis clausura o programa de intervención educativa e integración social
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis vén de botar o peche ao Programa de Intervención Educativa e Integración Social levado a cabo ao longo do curso 2020/2021.
Con motivo da clausura o Concello organizou un acto que tivo o obxectivo principal de recoñecer a gran labor das persoas voluntarias que participaron na iniciativa ao durante este período. Nel participou, ademais de parte deste voluntariado, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Inés Fuentes, a concelleira de Xuventude, María López, e o titular de Educación, Jacobo Pérez. Tamén estivo presente a coordinadora do proxecto, Uxía García.
Con esta xornada púxose fin a un ano de apoio persoal, social e académico a unha vintena de alumnos de educación primaria e secundaria de Caldas de Reis. Este programa desenvolveuse coa finalidade de intervir en dous sectores sociodeducativos moi importantes: a familia e a escola. Buscou paliar no alumnado as diferentes deficiencias detectadas e promover hábitos de vida saudables ao tempo que se procurou a prevención de futuras dificultades así como a integración social a nivel profesional, escolar e o fomento da convivencia familiar.
Os membros do goberno municipal agradeceron "o excelente traballo" dos voluntarios que fixeron posible esta iniciativa, así como do persoal municipal que xestionou a súa coordinación. Nesta liña destacaron o esforzo realizado polo Concello para ofrecer iniciativas de apoio educativo e integración social a menores e mocidade nas que se fomente o desenvolvemento das súas competencias, actitudes e intereses, favorecendo a súa integración social e mellorando os seus coñecementos.