'Cambio de sentido', o programa que conciencia nas autoescolas do perigo de alcol, drogas e móbil ao volante
Por Redacción
Diversas autoescolas de Pontevedra están a acoller durante o mes de xuño actividades do programa ‘Cambio de Sentido’, que traballa na prevención de accidentes de tráfico nos que interveñen o alcol ou outras substancias e condutas aditivas.
As actividades impúlsaas o Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas da Concellería de Benestar Social de Pontevedra e a Consellería de Sanidade desde hai tres anos. Nesta ocasión están a incidir especialmente no uso do teléfono móbil cando se conduce, debido ao aumento das distraccións e, polo tanto, dos accidentes que se producen por este motivo.
A iniciativa consiste nun obradoiro dunha hora de duración impartido nas autoescolas da cidade, no que, a través de dinámicas participativas, búscase incrementar a percepción de vulnerabilidade persoal, reducir o número de accidentes viarios entre a mocidade na que interveñen o alcol e outras drogas, promover actitudes e condutas máis seguras e responsables na condución e aumentar a percepción do risco asociada á condución cando se está a usar o móbil.
O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, visitaron este martes a actividade realizada na Autoescuela Teucro. Fernández insistiu en que a Dirección General de Tráfico (DGT) indica que o perigo de usar o móbil durante a condución pode ser comparable ao de conducir baixo a influencia do alcol, xa que despois dunha conversa de minuto e medio, incluso cun sistema de mans libres, o condutor non percibe o 40% dos sinais, a súa velocidade media baixa un 12%, a frecuencia cardíaca acelérase bruscamente e tárdase máis en reaccionar”.
Durante o taller desta mañá, os alumnos da Autoescuela Teucro tiveron ocasión de probar unhas gafas moi especiais, cunha tecnoloxía capaz de imitar os efectos que o alcohol, o cánabo e a marihuana teñen sobre os nosos sentidos, unha experiencia á que se sumou tamén o concelleiro Marcos Rey (poñéndose as de marihuana).
Marcos Rey indicou que hai que agradecerlles ás nove autoescolas participantes (que son Sí Puedo, Ecovial, Ponte a Punto, Chaves, Tambo, Camba, Peregrina, Teucro e Cancela) a súa colaboración e disposición, xa que sen elas sería imposible realizar o programa.
Tino Fernández insistiu en que non podemos esquecer tampouco os perigos destas substancias para os peóns, pois dos 130 peóns mortos en 2019 aos que se lles practicou autopsia, case o 38% deu positivo en alcol, drogas de abuso e psicofármacos, nin a proliferación dos ‘peóns zombis’, é dicir, aqueles que camiñan distraídos usando o móbil, dándose situacións de perigo extremo cando cruzan a rúa sen asegurarse de que non se achegue ningún coche ou sen prestar atención aos semáforos, pero tamén na súa propia beirarrúa cando o carril bici está integrado nel.