Vilaboa fará este sábado unha proba piloto para as Festas do Viño e do Mar do ano vindeiro
Por Redacción
O peirao de San Adrián de Cobres en Vilaboa será este sábado 26 de xuño o escenario dun ensaio xeral do que serán as Festas do Viño e do Mar para o vindeiro ano, no que se agarda que a evolución da pandemia permita celebralas sen as actuais restricións.
Neste momento, a situación sanitaria limita as opcións do Concello para organizar eventos que contribúan a dinamizar o sector turístico e hostaleiro de Vilaboa. Con todo, o goberno local quere impulsar iniciativas que permitan manter certa actividade necesaria para revitalizar a economía.
Baixo o nome de 'Serán de Viño e Mar', a xornada festiva iniciarase ás 19.30 horas cunha degustación dos produtos do mar doados pola Confraría de Pescadores Pedra de Oliveira de Vilaboa e as asociacións de bateeiros e depuradoras. A preparación correrá a cargo dos restaurantes do municipio. As adegas da IXP Ribeiras do Morrazo e os colleiteiros particulares doarán o viño.
En canto á distribución do espazo, as mesas e cadeiras respectarán a distancia regulamentaria e haberá limitación de aforo. Ademais, haberá acompañamento musical a cargo de Aires de Cobres e Sofia Espiñeira.
O público asistente poderá degustar as ameixas á mariñeira que prepararán a tapería restaurante Casa Aurelia e o restaurante Mauro; os mexillóns escabechados elaborados por A Taberna de Antes, O Cañoto e A Casa de Rosa da Mazaroca; a empanada de mexillóns do restaurante Luis e da tapería parrillada Suso e a empanada de chocos que farán na Casa dos Druidas.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, convida á veciñanza a participar nesta xornada de promoción e degustación que mestura produto do mar, viños e música e asegura que será unha "avanzadilla do que será o 2022, cando a recuperación da normalidade nos permita homenaxear como se merece aos produtos da terra e do mar de Vilaboa e poidamos organizar eventos lúdico-gastronómicos que funcionen como polos de atracción de turismo ao noso municipio".