Bueu instalará aseos autolimpables na Banda do Río e na Praza Massó
Por Redacción
O Concello de Bueu abriu o prazo de licitación para o subministro de dous aseos autolimpables, orzamentado en 74.440 euros. As empresas interesadas en concorrer a este procedemento, financiado con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, disporán de prazo ata o 8 de xullo.
Os aseos vanse instalar no Paseo de María Eugenia, na contorna do estaleiro da Banda do Río, e na Praza Massó, na zona próxima ao Concello.
Segundo apunta Félix Juncal, alcalde da vila, "trátase dun servizo moi demandado pola cidadanía e que se colocarán en dúas das áreas máis transitadas durante todo o ano, para a súa utilización gratuíta".
Estes baños autolimpables complementaranse con outro de características similares que se ubicaría no entorno do Parque das Lagoas, no marco dunha subvención coa Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia.