Estiman unha ocupación hoteleira na provincia do 75% no mes de xullo e do 80% en agosto
Por Oskar Viéitez
O sector hoteleiro da provincia de Pontevedra conta a día de hoxe cun 57% de reservas para o mes de xullo e un 66% en agosto. A Deputación de Pontevedra estima que estas reservas "se non hai malas noticias coa pandemia" poden incrementarse nun 15% polo que a previsión de ocupación sitúase preto do 75% no mes de xullo e "por encima do 80% en agosto".
Por comarcas, segundo os datos do Observatorio do Turismo da Deputación de Pontevedra, no Morrazo espérase un 75,5%, en Vigo un 70%, no Salnés un 65,7%, na comarca de Pontevedra un 58,5%, no Baixo Miño un 53,4%, en Caldas un 46,7%, en Deza-Tabeirós Terra de Montes un 24,5 e no Condado-A Paradanta un 23,3%. Todos estes datos sen incluír ese "posible incremento" do 15%.
Respecto a os principais destinos, en Baiona estímase unha ocupación do 78%, Sanxenxo un 63%, Vigo 64%, Pontevedra 57,3 e O Grove 54,3%.
Para o mes de agosto "con estas estimacións medidas e prudentes" a comarca do Salnés prevé unha ocupación do 70,9%, a comarca de Vigo o 70,4%, a de Pontevedra 67,8%, O Morrazo o 67,3%, Caldas 50,5%, Baixo Miño 57%, Deza-Tabeirós Terra de Montes un 50% e no Condado-A Paradanta un 22,5%.
As principais cidades turísticas para agosto apuntan en Baiona un 83%, Vigo 75% (80% na semana do Marisquiño), Sanxenxo un 70,3%, Pontevedra 60,3 e O Grove 56,7%.
En canto ao turismo rural, espérase unha ocupación do 70% en xullo e do 71% en agosto. A estimación en canto aos albergues é do 35% en xullo e do 37% en agosto (aínda que neste tipo de establecementos hai pouca antelación). A previsión para as vivendas turísticas da provincia é dun 70% en xullo e do 80% en agosto e finalmente os cámpings agardan unha ocupación media do 50% en xullo e do 52% en agosto.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva ofreceu estas estimacións de ocupación hoteleira para este verán, segundo os datos recollidos pola empresa que a administración local ten contratada para tal fin "seguindo todos os parámetros de análises estatísticas".
"SUPERADOS POLA REALIDADE"
"As reservas van empezar a mover con maior intensidade entre o 28 de xuño e o 10 de xullo", sinalou Carmela Silva por tanto estes datos "van quedar superados pola realidade e eu aplaudiría que quedasen superados". Ademais hai que ter en conta unha serie de datos que influirán na garantía destas estimacións como son que "a día de hoxe aínda non se permiten reservas de grupos" e que o Camiño de Santiago "está aínda empezando a activarse".
Carmela Silva insistiu en que as proxeccións para os próximos meses teñen que interpretarse "con prudencia" porque son "estimacións" para un verán que, á luz das reservas xa feitas "será moito mellor que o do ano pasado" pero que "non pode compararse co de anos anteriores" á pandemia "porque aínda o covid está entre nós aínda que coa vacinación estamos a gañarlle o pulso".
Así que, atendendo ás recomendacións do propio sector turístico que pide "que sexamos realistas, prudentes e cautelosos", Carmela Silva anticipa que "será un bo verán para este destino" das Rías Baixas, que ao seu "atractivo" suma unha "seguridade plena e a xente pode vir visitarnos con todas as garantías".
A presidenta da Deputación insistiu en que o propio sector e outros indicadores sinalan que "non se descarta que haxa un forte incremento de ata un 15% sobre as previsións se a pandemia segue contida".
DATOS DE XUÑO
Neste mes de xuño os datos de ocupación na provincia de Pontevedra foron dunha media do 42,8% estando concentradas a maior parte das reservas na segunda quincena. Por comarcas o Baixo Miño tivo unha ocupación do 49%, O Morrazo do 46,6%, a comarca de Pontevedra e a de Vigo coinciden cun 46,3% de ocupación, O Salnés un 42,3%, Caldas un 33,6, Deza-Tabeirós un 26,5 e O Condado Paradanta un 12,3%.
Pontevedra capital rexistrou un 52,7%, a cidade de Vigo un 49%, Baiona 48,5%, Sanxenxo 40,3% e O Grove 36,6%.
En canto ao turismo rural, no conxunto do destino turístico o dato de ocupación deste mes de xuño é do 35% e nos albergues a ocupación foi moi baixa en xuño con apenas o 16% e nos cámpings o 21,8 %. A procedencia maioritaria dos visitantes era de Galicia seguida de Asturias e Castela León.
Relacionadas:
-
A Deputación difundirá Pontevedra como destino turístico ante empresas do sector en Madrid e Valencia
Por Redacción |
-
Denuncian longas colas no PAC de Baltar e advirten de que o verán de 2021 "pode ser con moito o peor das últimas décadas"
Por Redacción |
-
Rueda chama a "non baixar a garda" para que se cumpran as boas perspectivas turísticas do verán
Por Oskar Viéitez |
-
Ocupación histórica no mes de xuño nas vivendas de uso turístico
Por Oskar Viéitez |
-
Axencias de viaxes estatais visitarán á cidade en xullo para fomentar a promoción turística de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Instalan puntos de información turística no Porto Deportivo e en Baltar
Por Redacción |
-
A Deputación e o consorcio de empresas turísticas de Sanxenxo inician unha senda de colaboración
Por Oskar Viéitez |