O pleno da Deputación elude o debate sobre a concesión dos indultos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Corporación provincial tratou no Pleno ordinario da Deputación de Pontevedra celebrado este venres dúas mocións presentadas polo Partido Popular. A primeira foi en relación á "conectividade" na provincia de Pontevedra e a segunda sobre a concesión dos indultos. Ambas foron rexeitadas cos votos en contra de Partido Socialista e BNG.
Así, na moción en contra da concesión dos indultos e "en defensa da Constitución", o portavoz do PP, Alfonso Marnotes, tivo que rectificar o enunciado inicial da súa proposta política ao concederse xa os nove indultos para os presos do procés que aínda seguen con condenas vixentes de prisión. A moción reconduciuse de forma que o Partido Popular pretendía visibilizar un rexeitamento a estes indultos parciais e condicionados a que os reos non cometan un delito en varios anos.
Os grupos do Partido Socialista e do BNG declinaron facer intervencións sobre este asunto polo que non houbo debate. Por maioría dos votos que conforman os deputados do PSOE e do BNG a moción do PP foi rexeitada.
CONECTIVIDADE
O grupo provincial do PP tamén reclamou unha conectividade dixital adecuada en todos os concellos da provincia, solicitando ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital que priorice o despregamento da banda ancha nas poboacións menos poboadas, e que dote tamén de cobertura en áreas que non dispoñen nin tan sequera de servizos básicos de telefonía móbil, áreas de maior risco de fenda dixital.
O deputado do PP, Miguel Domínguez argumentou que hoxe en día o dispoñer dunha boa conectividade a internet é "practicamente un dereito" do que calquera persoa quere gozar, "pero a realidade demostra que aínda hai unha fenda dixital moi importante entre os habitantes do medio rural e do urbano". Nesta liña, explicaron que a necesidade de estar conectados aumentou durante a pandemia, xa que os fogares convertéronse en oficinas e escolas, co impulso do teletraballo e das clases en liña.
"Pero a baixa conectividade converteuse nun gran obstáculo para os fogares no rural, que se atoparon cunha evidente desigualdade de oportunidades con respecto aos fogares urbanos", indicou. Fogares nos que seguir unha clase en liña ou manter unha reunión de traballo telemática sen interrupcións é practicamente imposible, así como abrir unha páxina web sen a necesidade de esperar un tempo prolongado a que cargue.
O portavoz do PSOE, Carlos López Font sinalou que esta moción do PP evidencia o "fracaso" da Xunta de Galicia coa súa xestión das telecomunicacións, chegando a afirmar que " Amtega é un chiringuito" e reclamou ao Goberno galego que cumpra cos seus compromisos neste ámbito.
Ademais o vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, César Mosquera, chamou a atención sobre as mocións do PP por ser alleas á xestión do Goberno provincial o que, ao seu xuízo, demostra que a oposición non ten nada que criticarlles "non nos aplauden porque non lles deixan", chanceou.
SORDOCEGUEIRA
A parte resolutiva do pleno incluíu a aprobación da Conta Xeral correspondente ao exercicio 2020 e unha modificación de créditos para o Consorcio contra incendios e salvamento das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
Antes de iniciar o Pleno a presidenta da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia ( Xoga), María Jesús Monterde, leu unha declaración institucional da Deputación de Pontevedra con motivo da Semana Internacional de Concienciación da Sordoceguera.
Relacionadas:
-
O PP alega contra o Regulamento de Teletraballo da Deputación e pide que estea máis "pegado á realidade"
Por Redacción |
-
A Deputación de Segovia inspírase en Pontevedra para a xestión das emerxencias
Por Redacción |
-
O PP aplaude que a Deputación "recapacite" nos seus plans para os edificios históricos do Museo
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación aprobará un investimento de 1,8 millóns de euros do Plan Concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Crean o observatorio "Stop Machitroles" para combater a violencia machista na rede
Por Redacción |