As forzas de seguridade reforzarán os efectivos ante o previsible aumento de visitantes nos concellos
Por Redacción
A subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu este venres unha Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os primeiros seis meses do ano.
Acudiron ao encontro os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra.
Atendendo ao acumulado do ano e comparándoo co 2019, a subdelegada do Goberno Maica Larriba alertou do incremento rexistrado nos delitos de malos tratos no ámbito familiar e das pequenas lesións por discusións e riñas.
Larriba informou tamén de que durante este período descenderon os roubos con forza nun 30% e os delitos contra o patrimonio nun 7%. A pesares destes datos, o cómputo global de infraccións penais rexistra nos primeiros seis meses do ano un aumento do 15 %.
Por outra banda, a subdelegada sinalou o lixeiro descenso das estafas a través de Internet rexistrado no que vai de xuño e en comparativa co mes anterior, "xa que se reduciron nun 15 %, tanto as estafas graves como as leves". Aínda así, Larriba destacou que durante o 2021 este tipo de delitos creceu nun 60 % en comparación a 2019.
Os responsables da Garda Civil ofreceron tamén os resultados provinciais da última campaña nacional de especial vixilancia do consumo de alcohol e drogas ao volante que se levou a cabo entre o 17 e 22 de xuño. En total, realizáronse 5.866 test de alcoholemia que arroxaron 96 casos positivos, deixando unha taxa de incidencia do 1,6 %. No tocante aos controis de drogas, na provincia efectuáronse 300 controis a condutores, dos cales 92 deron positivo.
ESPECIAL VIXILANCIA DA SEGURIDADE DURANTE O VERÁN
A subdelegada do Goberno tamén anunciou que "se reforzarán, na medida do posible, o número de efectivos, sobre todo da Garda Civil, naquelas localidades más turísticas". Os axentes levarán a cabo durante os meses de xullo e agosto un especial control dos aforos e do tráfico, prestando atención ás zonas de praia e nas celebracións das festas patronais e locais.
A subdelegada informou tamén das dotacións coa que contarán os equipos de Tráfico da provincia. "Un helicóptero, drons, vehículos industriais e diferentes turismos velarán pola seguridade das nosas estradas", explicou.
Por último, Larriba detallou que durante o mes de agosto contarase con efectivos da Garda Nacional Republicana (GNR) portuguesa nas localidades de Sanxenxo e Vigo. A subdelegada adiantou que "ante a previsible chegada de numerosos turistas do país veciño, os axentes portugueses integrarán patrullas conxuntas con efectivos da Garda Civil e da Policía Nacional en ambas cidades".