Sanxenxo pon en marcha un servizo para informar os veciños do acceso a Internet na contorna da súa vivendas
Por Redacción
O pasado mes de abril o Concello de Sanxenxo decidiu, tras varios encontros infrutuosos con operadoras de telefonía, encargar un inventario das infraestruturas de telecomunicacións existentes no municipio co obxectivo de poñer solución aos problemas de conexión a internet da veciñanza e axilizar o despregamento de fibra óptica en todo o territorio municipal.
Froito dun traballo de meses, o Goberno local xa dispón dun documento que lle permite contar cun diagnóstico real da situación das redes de telecomunicacións no municipio.
Neste documento catalóganse ata 1.978 elementos entre postes, caixas de fachada e arquetas nas 119 entidades singulares de poboación. A información recabada permitirá poñer en marcha durante os meses de xullo e agosto un servizo municipal de consulta personalizado para que os veciños poidan coñecer as redes dispoñibles na contorna da súa vivenda.
Para acceder a estes datos, calquera veciño que o desexe debe enviar un electrónico a: consultasfibra@sanxenxo.org, onde indicará a dirección ou a referencia catastral da súa vivenda para poder analizar as redes da súa contorna. Con esta información, indicaráselle a dispoñibilidade de redes e tamén as posibles solucións ponte con tecnoloxía móbil perfectamente válidas para problemas particulares de vivendas, empresas, hoteis ou restaurantes.
En canto á situación actual dos despregamentos de fibra óptica no municipio, o inventario distingue dúas zonas. Por unha banda, a urbana, formada por Sanxenxo, Portonovo, Vilalonga e o parque empresarial de Nantes, onde dispoñen de polo menos un operador entre Telefónica, Orange e R. E por outro, as zonas rurais, nas que as infraestruturas de banda ancha son na súa gran maioría fibra óptica de Telefónica instalada en postes, salvo unha pequena zona na contorna de Canelas e Paxariñas, con tendido aéreo por postes de Naturgy e de fibra óptica de R.
Segundo informan fontes municipais, a maior parte do Concello de Sanxenxo dispón de acceso a banda ancha, pero hai importantes zonas que carecen do servizo. As previsións dos Plans de Expansión de Banda Ancha (PEBA) sobre estas zonas establecen dous prazos para rematar a implantación da fibra óptica, en 2021 e en 2022.
As correspondentes ao ano en curso atópanse en execución e afectan os lugares de Barreiro, Casal e Torre pertencentes á parroquia de Dorrón; Sear e O Outeiro dentro de Bordóns; algunhas rúas de Sanxenxo e Portonovo; e o parque empresarial de Nantes.
Aínda sen executar, pero con previsión de finalización en 2022 atópanse os lugares de Recarei, Feixeiro e Iglesia en Bordóns; Empalme e O Vilar en Vilalonga e zonas de Noalla na contorna da Lanzada.
Para outros puntos que quedan fóra dos Plans de Expansión de Banda Ancha, o Concello presentou alegacións. En caso de admitirse, a instalación estaría terminada en 2022 ou 2023. Trátase de Gondar de Arriba, os núcleos de Contumil e A Revolta en Nantes e unha ampla relación de lugares situados en Noalla: Os Caseiros, Codesal, Salgueiro de Mato, Iglesia, Cova de Pazos, Tramalleiro, O Pombal, Mourelos, Quintans, Telleiro, Fonte de Ons e A Revolta.
Relacionadas:
-
O problema coa fibra óptica en Sanxenxo chega ao Ministerio
Por Redacción |
-
Sanxenxo reclama completar o despregamento da fibra óptica en Noalla, Dorrón e Nantes
Por Redacción |
-
Preocupación entre os veciños de Noalla polo atraso no despregamento de fibra óptica
Por Redacción |
-
123.346 euros para mellorar a sinalización do parque empresarial de Nantes
Por Redacción |
-
Sanxenxo reclama a inclusión de 14 núcleos no plan estatal de extensión da banda ancha
Por Redacción |
-
Empresarios de Sanxenxo piden solucionar o "nefasto" servizo de internet no municipio
Por Redacción |
-
Os postes de luz e teléfono da estrada provincial de Dorrón "serán historia" en 20 días
Por Redacción |