A Deputación impulsa a sexta edición do programa 'Depoemprende na Escola'
Por Redacción
Apenas uns días despois de finalizar a súa última edición, a Deputación de Pontevedra aprobou as bases da sexta convocatoria do programa 'Depoemprende na Escola, na ESO e na FP'.
Esta iniciativa busca fomentar a cultura emprendedora entre o alumnado de Primaria, Educación Especial, a ESO e a FP da provincia. Trátase, en palabras da presidenta provincial Carmela Silva, de "fomentar mentes creativas e emprendedoras nos centros educativos".
A convocatoria 2021-2022 dividirase en tres proxectos, o primeiro dirixido ao alumnado de educación primaria (5º ou 6º curso) e de Educación Especial para crear e xestionar unha cooperativa na que fabricarán produtos para a súa venda.
Ademais 'Depoemprende na ESO' dirixirase a mozas de 15 e 16 anos (4º curso da ESO). Crearán tamén cooperativas nas que distribuirán produtos adquiridos de empresas provedoras e poñerá en práctica capacidades de negociación, decisións, comunicación e resolución de conflitos.
Por último 'Depoemprende na FP' está dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior, que desenvolverá proxectos empresariais para potenciar a adquisición de competencias e aptitudes relacionadas co emprendemento.
A novidade do próximo curso estará en que o número máximo de centros de Primaria participantes será de 12, fronte aos 10 da anterior edición. Doutra banda, será de 10 centros nas modalidades de ESO e da FP. A partir da publicación das bases no BOPPO os centros educativos xa poderán solicitar a súa adhesión e terán de prazo ata o 30 de setembro.
Nas cinco edicións anteriores participaron un total de 2.680 alumnos e alumnas de 104 centros educativos da provincia.