Jose Francisco Gil Dopazo será o pregoeiro das Festas do Carme
Por Redacción
O pregoeiro das Festas do Carme de Marín 2021 será Jose Francisco Gil Dopazo, membro do grupo Picuíña.
Así o confirmou este sábado o Concello, nunha presentación por parte da alcaldesa, María Ramallo, e a edil de Turismo, Cristina Acuña.
Gil Dopazo, que superou a covid despois de ser ingresado cun prognóstico preocupante por pneumonía bilateral, representa segundo a rexedora "a viva imaxe da superación, da esperanza á que nos debemos aferrar nesta nova etapa na que a pandemia parece estar nunha situación moito mellor pero que non nos pode facer baixar a garda e, sobre todo, non nos pode facer esquecer".
Superada a infección aos poucos o que vai ser distinguido como pregoeiro das festas da súa localidade foi retomando as súas actividades, entre elas a música e a participación veciñal.
Xunto a el durante o pregón das Festas do Carme, previsto para as 21.00 horas do venres 9 de xullo na Alameda, estará o seu grupo, Picuíña.