Decoración de verán para as rúas de Caldas de Reis
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis, a través da concellería de Benestar Social e Igualdade, puxo en marcha a campaña 'Caldas Vívese', que conxuga a ambientación urbana e a decoración estival de rúas coa sensibilización e a perspectiva de xénero.
En concreto este ano a iniciativa realiza unha homenaxe ás persoas maiores, cunha exposición con 16 retratos de usuarios do Fogar do Maior pintados por Argibay que permanecerán ata finais de setembro na Rúa Real, Campo da Torre e nas Palmeiras.
Xunto a esta iniciativa as rúas Real, Fornos e Laureano Salgado foron decoradas con diferentes motivos de cores para embelecer, alegrar e causar impacto nos viandantes ao seu paso polo centro da vila, por onde discorre o Camiño Portugués, sinala o goberno local.
"Funciona como reclamo a veciños e visitantes pola súa singularidade, o que produce unha maior visibilización destas rúas tan singulares e vai contribuír a dinamizar o comercio local e convidar a pasear polo centro urbano durante o verán", explicou a edil Inés Fuentes.
A decoración permanecerá colocada ata finais do mes de setembro.