Piden a Sanidade e a Feijóo o cese "fulminante" do xerente do CHOP polas súas incompatibilidades
Por Alejandro Espiño
Ao PSdeG-PSOE xa non lle basta con agardar a que José Manuel González, xerente do CHOP, dimita pola presunta incompatibilidade do seu cargo no SERGAS co seu posto como apoderado nunha empresa privada. A deputada Patricia Vilán apunta máis arriba. Os socialistas instan á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a que o cesen de forma "fulminante".
Esta petición é debida a que, segundo Patricia Vilán, José Manuel González, a pesar do "requerimento explícito" da Xunta de Galicia para que renunciase ao seu posto directivo na empresa Plan de Investimentos, S.L., "a día 2 de outubro deste ano segue constando como apoderado non Rexistro Mercantil". Unha actitude, sinalou a deputada socialista, "ante a que sobran as palabras para cualificalo".
"Agora xa non é que dimita por decencia persoal, debe ser cesado por incumplir un requerimento expreso da Xunta e seguir desempeñando esa actividade", insistiu a deputada do PSdeG-PSOE, quen recordou que José Manuel González figura como apoderado de dita empresa desde o 23 de marzo de 2012. A Xunta, o pasado mes de agosto, instoulle a deixalo aínda que aclaraba que non chegase a exercer nunca tal función.
Neste sentido, resulta "paradóxico", segundo Patricia Vilán, que o gerente do CHOP "decidirá que el non tiña ningunha incompatibilidade, pero si outro compañeiro". Así denunciaba a socialista o expediente aberto ao médico Juan Carlos Pérez Olmedo, que traballa no sector público e investiga para unha empresa privada e cuxo erro foi "non cubrir a solicitude de compatibilidade", pois ambas tarefas non son excluíntes.
Con esta actitude, os socialistas insisten en que José Manuel González incumple a Lei de Sanidade Pública de Galicia, "e como conselleiro de Sanidade que foi é coñecedor disto". Por iso é polo que cualifique como unha "desfachatez" abrir un expediente a un compañeiro e sancionalo "polo mesmo que fai el", o que leva a Patricia Vilán a preguntarse "se ten inmunidade diplomática ou é o protexido de alguén do goberno da Xunta".
Por todo iso, o PSdeG-PSOE volverá preguntar no Parlamento pola situación do xerente do Complexo Hospitalario pontevedrés. Os socialistas queren saber se a Xunta recibiu algunha solicitude de José Manuel González para compatibilizar ambos cargos e, se así foi, en base a que criterios foi autorizada. En caso contrario, esixen coñecer se o xerente do CHOP respondeu ao requerimento para renunciar ao seu cargo privado e se teñen constancia de que segue constando como apoderado da empresa.
DESMENTIDO DO XERENTE DO CHOP
José Manuel González asegura que renunciou ao seu cargo como apoderado na sociedade mercantil Plan B Inversiones o pasado mes de xullo
Esta situación, denunciada públicamente polo PSdeG-PSOE, foi rapidamente desmentida polo propio José Manuel González. Nun comunicado remitido aos medios de comunicación, o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, asegura que renunciou ao seu cargo como apoderado na sociedade mercantil Plan B Inversiones o pasado 22 de xullo.
Así consta na correspondente acta notarial, que asegura está dispoñible para calquera comprobación, e na que se demostra, segundo explica, que xa non ten tampouco ningún tipo de participación accionarial en devandita sociedade.
A renuncia, insiste José Manuel González, realizouse de "forma inmediata" ao arquivo da información previa de carácter reservado aberta pola consellería de Sanidade, que concluíu que o xerente do CHOP non exerceu como apoderado en ningún momento, nin desempeñou ningún tipo de actividade na citada sociedade.
A acta coa renuncia ao apoderamento, conclúe González, está remitida ao Rexistro Mercantil pola notaría e atópase no trámite administrativo correspondente.
Relacionadas:
-
A Consellería de Sanidade arquiva o expediente ao xerente do CHOP
Por Oskar Viéitez |
-
José Manuel González: "Este gerente no ha desempeñado ni está desempeñando ninguna actividad privada"
Por Oskar Viéitez |
-
A oposición pregunta polas denuncias contra o xerente do CHOP por incumplir a Lei de incompatibilidades
Por Oskar Viéitez |