Primeira xornada de viaxes directas a Ons desde As Corbaceiras
Por Redacción
Pontevedra e a illa de Ons están conectadas directamente por un transporte marítimo directo e regular desde este sábado 26 de xuño.
O primeiro dos barcos da navieira Mar de Ons que cubrirá este roteiro partiu do peirao de As Corbaceiras ás 10.45 horas da mañá.
Fíxoo cunha pequena bruma sobre a ría e non moita xente a bordo, debido entre outras cousas ás restricións xa que o aforo máximo da illa debe compartirse cos viaxeiros que cheguen desde Bueu, Sanxenxo, Portonovo, Combarro ou Vigo.
Desta forma a partir de agora durante os sábados, domingos e festivos de xullo e agosto os pontevedreses poderán desprazarse sen escalas ata esta illa do Parque Nacional das Illas Atlánticas, con regreso ás 19.00 horas.
Actualmente a cota diaria de visitantes a Ons é de 1.300 persoas, sendo necesario retirar a pertinente autorización na Central de Reservas da Xunta de Galicia para adquirir o billete.