Charlas informativas en Ponte Caldelas sobre os parques eólicos que afectan o municipio
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas celebrou este sábado tres charlas informativas sobre os parques eólicos e vías de evacuación que poderían afectar o municipio
Estes encontros tiveron lugar nas casas do pobo de Tourón, A Reigosa e Baltar.
Ana Varela, avogada e secretaria da Asociación Petón do Lobo, e Ismael López, presidente do colectivo, informaron a veciñanza sobre os pros e contras dos diferentes parques eólicos que poderían implantarse na zona segundo o mapa eólico de Galicia.
O alcalde, Andrés Díaz, presentou as charlas incidindo na importancia de dispoñer da máxima información necesaria sobre os proxectos e de evitar as présas á hora de asinar a cesión dos seus terreos.
Ademais do impacto e das vías de evacuación, Varela informou sobre outras posibles consecuencias a longo prazo destes parques, como poden ser os acuíferos ou as traídas de auga veciñais.